A concesionaria do servizo de salvamento na Coruña incumpre en materia de seguridade

O sindicato CUT denuncia as condicións de traballo en que o cadro de persoal desenvolve as tarefas de socorrismo e exixe unha investigación por parte do concello (PP). A empresa foi a peor valorada na avaliación técnica do proxecto, mais ten tamén adxudicado o servizo o próximo verán 

A concesionaria do servizo municipal de socorrismo e salvamento das praias da Coruña, Federación de salvamento e socorrismo de Galicia --Fessga--, está a poñer "gravemente" en risco a seguridade e a saúde da cidadanía e do cadro de persoal "incumprindo manifestamente en materia de seguridade". É a denuncia realizada mediante un comunicado de prensa o sindicato CUT.

O seu responsábel de Acción sindical, Brais González, alerta do desleixo manifestado pola empresa que implica xornadas laborais de 10 horas que non están a ser retribuídas dentro dun salario que non chega aos mil euros e sen gozaren das vacacións correspondentes. Para alén dos atrasos no pagamento das nóminas, os incumprimentos en materia laboral que denuncia a central sindical van máis aló. Di a CUT que Fessga coloca persoal de coordinación en postos de socorrismo "cando nin é a súa competencia nin teñen que estar preparados para facelo".

A falla de osíxeno nas equipas de osixenoterapia para as intervencións urxentes, o almacenamento de desfibriladores semiautomáticos (DESA) con baterías caducadas, ou a ausencia de mascarillas de protección para insuflaren osíxeno, teñen provocado a imposibilidade de intervención d@s profesionais por falta de protección. A isto súmaselle, sempre segundo os feitos denunciados pola CUT, a falla de solucións hixienicosanitarias para a esterilización e desinfección dos útis de traballo "expoñen a cidadanía e o persoal a un risco grave de contaxio ou infección grave".

Por todo o anterior, González denunciou "falla de cumprimento da responsabilidade inspectora do concello", entidade que subcontratou o servizo de socorrismo á Fessga. Pola súa banca, o grupo municipal de Esquerda Unida na Coruña, César Santiso, informou que "na avaliación técnica do proxecto presentado por Fessga só sumaron 0.6 puntos sobre un total de 30, sendo a empresa peor valorada, o que implica que o concello primou a austeridade sobre a seguridade cidadá".

Após a primeira denuncia feita pública pola Cut, ao redor do despedimento dunha traballadora cuxas condicións laborais foron publicadas nun medio de comunicación, o sindicato segue a reclamar "unha investigación formal", ao ser esta empresa a mesma que ten adxudicadas as tarefas de salvamento tamén o próximo verán.

Comentarios