Mazaricos fecha a Semana Gandeira cunha multitudinaria poxa de gando e 72.000 euros de negocio

Máis de 2.000 persoas pasaron pola poxa de 23 cabezas de gando frisón.
Após tres anos, Mazaricos poxou 23 exemplares de frisoas na Semana Gandeira.
photo_camera Após tres anos, Mazaricos poxou 23 exemplares de frisoas na Semana Gandeira.

A Semana Gandeira de Mazaricos fechou esta fin de semana no recinto feiral da Picota coa XIV Poxa de Gando Frisón Memorial José Moreira, onde foron poxadas un total de 23 vacas e xovencas.

O encontro congregou preto de dous milleiros de persoas ao longo de tres horas nas que se venderon todos os animais, até sumar  unhas cifras aproximadas de 72.000 euros, cun prezo medio aproximado de 3.150 euros por animal.

A cotización máis alta foi para unha vaca mazaricá, Nuveira Conguita Husky, primeiriza da gandería Nuveira, que foi adquirida pola SAT Busto Corzón.

Somos un concello gandeiro que xa se ten convertido nun referente estatal e europeo

O alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, dirixiuse ao público ao remate do evento para agradecer o traballo de todas as persoas que fixeron posíbel que, logo de tres anos, Mazaricos recupere a súa Semana Gandeira, de referencia en toda Galiza. "Somos un concello gandeiro que xa se ten convertido nun referente estatal e europeo", defendeu o alcalde, quen considerou que "xa pasou o tempo en que aprendiamos doutros, agora marcamos pautas no sector e somos unha referencia na gandería". Juan Blanco destacou que en Mazaricos "somos un exemplo de concello gandeiro, somos profesionais, dedicámonos ao agro e traballamos polo futuro do rural ".

Traballo conxunto

O rexedor mazaricán agradeceu a presenza da eurodeputada Ana Miranda durante a poxa deste domingo, destacando o seu traballo a prol do sector en Bruxelas. Juan Blanco tamén tivo palabras, na xornada previa, para o conselleiro de Medio Rural, José González, presente durante as actividades do sábado e un dos poñentes da mesa redonda que abriu a fin de semana.

Neste sentido, Blanco agradeceu a implicación de José González no evento e "o seu constante recoñecemento e apoio ao papel de Mazaricos no sector gandeiro galego". Para o alcalde mazaricán, parte do éxito de Mazaricos responde ao feito de que "as administracións traballamos xuntas", sumándose ao "labor das e dos nosos gandeiros".

Política Agraria Común

Ana Miranda salientou a necesidade de apoiar "ás gandeiras e gandeiros do noso país" diante da vindeira Política Agraria Común a partir do mes de xaneiro e "defender en Bruxelas as particularidades do sistema agrario e gandeiro galego, como fixo o alcalde Juan Blanco ante a Comisión Europea".

A poxa de gando puxo o broche a unha intensa semana de actividades coa que Mazaricos recuperou, tras tres anos, a Semana Gandeira que contou, ademais, con actividades para os escolares, mostra agraria, mesas redondas, xogos, concurso de fotografía e unha ruta gastronómica de tapas.

Comentarios