Opinión

A necesidade de dispor de terras cultivables

A compra de terras a nivel mundial é un fenómeno que se está a dar dende principios de século. Consiste en acaparar grandes cantidades de superficie cultivable por parte de grandes fondos de inversión, sendo Africa, América Latina e Asia os lugares mais frecuentes destas compras. Expresión dunha política colonial, especulativa coa produción alimentaria e empobrecedora de grandes zonas do planeta. Recentemente e no contexto da guerra de Ucraína, tres multinacionais estadounidenses participadas por grandes fondos de investimento fixeron-se con 17 millóns de hectáreas no estado ucraíno, unha extensión superior a superficie cultivable de Italia. Entrégaselle o control da alimentación a grandes empresas, renunciando os estados a súa soberanía alimentar.

Galiza está a perder continuamente superficie agraria útil, na contorna de 17 hectáreas diarias. Pasamos de ter mais de 100.000 ganderías de leite no 1987 a ter na actualidade pouco máis de 6.000. Ao igual que o sector de vacún de leite, outros sectores sufriron de forma notable esta perda de activos. A tendencia é a seguir con esta sangría como consecuencia da carencia de relevo xeracional e unha media de idade moi próxima a xubilación. Esta redución de explotacións agro-gandeiras non se traduce, pola contra, nun aumento da superficie das ganderías actuais. A día de hoxe a media de terreo utilizado por unha gandería galega está moi por debaixo do resto do Estado español, o cal dificulta en moitas ocasións a produción a baixo custo, tendo que recorrer constantemente á compra de forraxe doutros lugares do estado, e cunha produción de cereal moi inferior ás necesidades do noso país.

Temos a día de hoxe 150.000 hectáreas de terreo a matogueira aptas para distintos cultivos forraxeiros, máis de 100.000 serían aptas para a produción de pastos e, destas, a metade producirían millo forraxeiro, cultivos moi necesarios para as ganderías galegas. As producións agro-gandeiras teñen futuro neste país, de feito estamos a observar como certos modelos produtivos empezan a ser valorizados, caso do leite de pastoreo, con máis de 700 ganderías nesta modalidade produtiva baseada nun modelo sustentable que contribúe a fixar poboación no noso medio rural. Igualmente, o sector de vacún de carne ten preto de 8.000 ganderías baixo a indicación protexida 'Ternera Gallega' caracterizándose por unha produción en extensivo, sendo nalgúns casos a principal ou única actividade de moitos concellos da montaña de Lugo e Ourense. A parte de ser a achega económica e o medio de vida de moitas familias, son o principal método de prevención de incendios forestais en moitas comarcas do país.

Está claro que a dia de hoxe a necesidade de dispor de terreo para poder vivir dignamente das producións agro-gandeiras estase a converter no obxectivo principal de boa parte dos labregos e labregas galegas. É evidente que para iso hai que enfrontarse á continúa forestación das terras agrarias, favorecida por unha lexislación deseñada dende o goberno da Xunta que ten como único obxectivo favorecer os intereses de certas industrias do sector forestal galego, caso de Ence ou Greenalia, nas cales vemos exemplos de portas xiratorias para ex conselleiros do Partido Popular galego.

Por unha banda existen importantes movementos na compra de terras a nivel mundial e, por outro lado, vemos como as distintas crises alimentarias están a afectar cada vez máis no mundo actual. É preciso que os goberno galego poña en marcha os distintos mecanismos para favorecer o acceso á superficie agraria útil das nosas ganderías, e ao mesmo tempo ir traballando nun sistema produtivo capaz de reducir a dependencia das nosas explotacións con respecto ás forraxes producidas máis alá das nosas fronteiras. A agricultura e a gandería na Galiza teñen futuro, pero para iso temos que darlle prioridade a unhas infraestruturas agrarias que potencien esta actividade, do contrario pasaremos a ser cada día máis dependentes da produción alimentar foránea, algo que pode empobrecer máis a nosa sociedade.

Comentarios