venres 26/11/21

O sector do metal perdeu pola Covid 22% da facturación e 16% do emprego

Asime presenta un informe cos datos do sector do primeiro semestre, no que destacan a caída da facturación e das exportacións.
A caída de emprego no sector na Galiza (16%) triplica o descenso rexistrado no resto de territorios do Estado español (Foto: Asime).
A caída de emprego no sector na Galiza (16%) triplica o descenso rexistrado no resto de territorios do Estado español (Foto: Asime).

A Covid-19 deixouse notar nos resultados do primeiro semestre do sector metalúrxico galego, con descensos históricos en sectores chave como o da automoción. Segundo recoñece o secretario xeral da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas da Galiza (Asime), Enrique Mallón, foi un semestre "negativo ou moi negativo" para o sector, pero apuntou que a industria metalúrxica galega está capacitada para reactivar a súa fortaleza, e fixou como horizonte a segunda metade de 2021 para a súa recuperación.

En concreto, nos seis primeiros meses do ano, a facturación do sector, que engloba actividades como a automoción, o naval, a aeronáutica ou as estruturas metálicas, acusou unha caída de 22% con respecto ao mesmo período de 2019, até situarse nos 5.300 millóns de euros. O emprego, con 55.600 persoas ocupadas no sector, acusou tamén un pronunciado descenso de 16%, tres veces máis que no Estado español (5%).

A industria do metal representa 20% do PIB da Galiza e 41% das exportacións, mais a crise da Covid-19 tamén afectou á balanza comercial do sector, cun descenso de 12% nas exportacións e 27% nas importacións. 

Por actividades

O balance semestral presentado por Asime, destaca o descenso do emprego en actividades como a automoción (incluído tamén o transporte e o metal-mecánica) que perdeu no período 25% dos postos de traballo, aínda que menos que a súa facturación, de algo máis de 3.000 millóns de euros, que caeu 30%.

Así, a fabricación de coches descendeu 29% na Galiza no primeiro semestre, o que fixo baixar as exportacións e tamén tivo reflexo nos datos de matriculación (44,4% menos).

Con respecto ao naval e á súa industria auxiliar, o primeiro semestre fechou con 8.300 empregos, 15% menos, e a facturación caeu na mesmo porcentaxe, até os 230 millóns.

Galiza logrou amarrar neste período 3 novos contratos dos 14 que se asinaron a nivel nacional (4 menos que en 2019) e os pedidos en carteira foron 23 de 52 (7 menos). A crise provocou unha caída abrupta das exportacións, que descenderon 80%.

A aeronáutica galega tamén sufriu de forma notábel na primeira metade do ano, cun descenso acusado da actividade das aeroliñas, e perdeu 13% do emprego (quedou con 1.087 traballadores) e 14% da facturación, até 67 millóns de euros. A súa actividade exportadora, con todo, disparouse e creceu 121%.

Pola súa banda, a construción de estruturas metálicas facturou no primeiro semestre 474 millóns de euros, 10% menos e fechou o período con 15.580 traballadores, 5,5% menos.

Medidas de contención

Ante este escenario, o secretario xeral de Asime apostou en manter a cooperación entre empresas e Administración, pediu que se alonguen os préstamos ICO (cunha nova moratoria para o pagamento), reformar e mellorar os plans de formación e facer fronte común para optar ás axudas do fondo europeo de reconstrución económica, nas que Asime está a traballar con varias entidades asociadas con proxectos vinculados ao 'pacto verde' europeo, ás enerxías renovábeis, á automatización, dixitalización e formación. 

O sector do metal perdeu pola Covid 22% da facturación e 16% do emprego
comentarios