As 31 primeiras compañías hidroeléctricas galegas empregan só 64 persoas

O Informe Ardán vén de actualizar os datos referidos ao sector hidroeléctrico. O relatorio, impulsado polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, destaca a gran rendibilidade dos primeiros 31 operadores hidráulicos con sede na Galiza. Porén, os beneficios non se corresponden co emprego que xeran.

web
photo_camera Oito primeiras empresas hidroeléctricas galegas en numero de empregados en 2022. (Foto: Europa Press).

As 31 principais empresas hidroeléctricas con sede social na Galiza ocupan 64 persoas no país. Segundo os datos recollidos no Ardán, informe de referencia sobre o sistema empresarial galego elaborado polo Consorcio da Zona Franca de Vigo que ofrece información de todas as compañías con enderezo no país e cuxa facturación superou os 250.000 euros, en 2022, último ano con cifras, as principais sociedades galegas deste sector declararon 64 empregadas e empregados.

A información achegada polo relatorio do Consorcio da Zona Franca de Vigo non incorpora datos daquelas sociedades dedicadas á xeración hidráulica con actividade na Galiza pero con sede social fóra do país. Neste sentido, non ofrece cifras de emprego dos principais operadores do sector con presenza no país, onde o 81,6% da potencia hidroeléctrica é propiedade de Iberdrola, Naturgy e Enel, compañías con enderezo fiscal en Bilbo e Madrid. Nestes tres casos, os traballos de mantemento dos seus encoros na Galiza están deslocalizados e externalizados.

As cifras mostran que as empresas hidráulicas xeran pouco emprego. De feito, o 51,5% dos postos de traballo creados polas compañías hidroeléctricas con sede social na Galiza son xerados por dúas mercantís con actividade no ámbito da distribución eléctrica, carecendo a maioría delas de traballador algún. Así, o 35,9% están ocupados en Hidroeléctrica de Laracha, unha firma de 23 persoas que fornece electricidade nos concellos de Arteixo (comarca da Coruña), Carballo e A Laracha (Bergantiños). E o 15,6% dos empregos concéntranse en Energía de Galicia (Engasa), unha firma de 10 traballadores presente no negocio da comercialización en 17 municipios galegos.

Perda de emprego

Os datos do Informe Ardán constatan unha caída da man de obra ocupada entre as principais compañías galegas. Así en 2021, as 26 primeiras empresas hidroeléctricas con sede social na Galiza ocuparon 61 persoas no país, o que representa 2,3 ocupados por sociedade, ficando en 2022 en 2,% ocupados por sociedade, ao empregar as 31 primeiras compañías eólicas con sede social na Galiza 64 persoas. Neste sentido, as cifras fornecidas confirman o baixo número de postos de traballo xerados polas empresas hidroeléctricas, certificando que as actividades ligadas ás enerxías renovábeis só crean emprego na fase de construción e montaxe.

As baixas cifras de ocupación do sector hidroeléctrico contrastan cos elevados beneficios. A este respecto, o Informe Ardán, analizando as contas presentadas polas primeiras 31 empresas eólicas galegas no rexistro mercantil, afirma que os ingresos medios por traballador en 2022 sitúanse en 608.135 euros, ficando o valor engadido bruto (VEB) por empregado en 370.836 de euros. Así as cousas, apunta que a rendibilidade económica desas compañías na referida anualidade está en 23,1% e a rendibilidade financeira en 28,9%, o que significa que por 100.000 euros investidos,  o beneficio é de 28.900 euros, unha contía moi superior ás diferentes áreas de negocio.

As primeiras empresas en ingresos

As catro primeiras empresas hidráulicas galegas en ingresos en 2022 foron Engasa, Hidroeléctrica de Ourol, Cortizo Hidroeléctricas e Hidroeléctrica del Arnoya. A primeira delas, propiedade dun grupo de veteranos operadores do sector eléctrico, declarou no rexistro mercantil unha facturación de 8,9 millóns de euros para un cadro de persoal de 10 empregados.

A segunda, integrada no grupo Ecoener, cuxo máximo accionista é o empresario Luís de Valdivia, alcanzou uns ingresos de 8,7 millóns, descoñecéndose o número exacto de traballadores. A terceira compañía, vinculada á familia do empresario padronés do aluminio José Manuel Cortizo, logrou unha facturación de 6,9 millóns, declarando 11 persoas asalariadas.

Ademais, Hidroeléctrica del Arnoya é un bo exemplo da lóxica do sector. A compañía, cuxo 50% do capital pertence a Iglevaz, a sociedade da familia do ex alcalde da Coruña e ex dirixente socialista Francisco Vázquez, que ten como administradora única a súa filla Elena Vázquez de la Iglesia, declarou en 2022 unha facturación de 6,4 millóns, un valor engadido bruto de 4,7 millóns e uns ingresos por empregado de 6,4 millóns. Esta compañía, que tamén ten como accionista a familia do presidente da patronal coruñesa e antigo máximo responsábel da Confederación de Empresarios de Galiza (CEG) Antonio Fontenla, só conta cun traballador. Precisamente, o administrador da empresa é un fillo de Antonio Fontenla, Javier Fontenla Piedrahita.

Beneficios históricos

As ganancias das hidroeléctricas galegas situáronse en máximos históricos en 2022. Segundo as cifras do Informe Ardán, a rendibilidade económica destas 31 empresas incrementouse en 11,9 puntos en relación a 2021 e en 13,5 puntos en relación a 2020 e a rendibilidade financeira medrou en 15,2 puntos e en 11,9 puntos, respectivamente. Ao tempo, os ingresos por empregado creceron no último exercicio en perto de 177.704 euros e o valor engadido bruto subiu en 25.665 euros.Nesta liña, as 31 sociedades dedicadas á xeración de electricidade de orixe hidráulica ingresaron no ano 2022 na Galiza 82 millóns de euros e alcanzaron un valor engadido bruto de 64,1 millóns de euros.

Iberdrola, Naturgy e Enel posúen o 81,6% da potencia hidráulica galega

O negocio hidráulico está na súa práctica totalidade en mans de Iberdrola, Naturgy e Endesa, que controlan o 81,6% da potencia hidroeléctrica instalada na Galiza. A primeira, con sede en Bilbo (Euskadi), conta cunha capacidade de xeración de 1.558 megawatts e 13 encoros. A segunda, herdeira da vella Fenosa, dispón de 1.120 megawatts e 12 encoros, pagando os seus impostos en Madrid. A terceira destas empresas, Endesa, propiedade da compañía pública italiana Enel e con enderezo fiscal na comunidade de Madrid, explota 375 megawatts e seis encoros.

O emprego xerado por estas compañías é, tamén, moi escaso. Iberdrola leva o mantemento dos seus 13 encoros galegos desde Salamanca, após fechar en 2021 a súa central de control na Rúa, que ocupaba a 12 persoas. Naturgy, herdeira de Fenosa, desenvolve os labores de control e mantemento das súas centrais hidráulicas galegas desde Madrid, tras deslocalizar unha actividade que se viña desenvolvendo desde A Coruña. Endesa, filial española da empresa pública italiana Enel, concentra as tarefas de mantemento dos seus seis encoros galegos desde Ponferrada, na comarca do Bierzo.

O secretario de Industria da Confederación Intersindical Galega (CIG), Xoán Xosé Bouzas, sinala a Nós Diario, que “as empresas propietarias dos grandes encoros galegas empregan moi pouco xente na Galiza, de feito as actividades que xeran emprego, como o mantemento, execútanse desde fóra da Galiza empresas non asentadas no país, que en caso dalgunha incidencia mandan ao país".

Comentarios