A inflación medra unha décima no arranque do ano e a subxacente dispárase até un 7,5% de récord

A subxacente é un indicador considerado máis preciso polas persoas expertas por excluír os alimentos sen elaborar e os produtos enerxéticos e carburantes, considerados máis volátiles ao depender con máis forza de diversos factores vencellados á economía internacional.
O IPC xeral medrou unha décima este xaneiro, até situarse en 5,8%. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera O IPC xeral medrou unha décima este xaneiro na taxa interanual, até situarse en 5,8%. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O índice de prezos de consumo (IPC) baixou tres décimas en xaneiro en relación ao mes anterior a nivel estatal, mais elevou unha décima a súa taxa interanual, até 5,8%, por mor do maior prezo dos carburantes, segundo os datos avanzados publicados esta segunda feira polo INE, nos que se inclúen, por vez primeira, ponderacións procedentes da Contabilidade Nacional, así como os mercados libres do gas e a electricidade.

Coa suba rexistrada no primeiro mes de 2023, a inflación racha con cinco meses consecutivos de descensos na súa taxa interanual e retoma os ascensos. Porén, o dato de xaneiro, que deberá ser confirmado por Estatística a mediados do vindeiro mes, é cinco puntos inferior ao pico alcanzado o pasado mes de xullo, cando a inflación no conxunto do Estado español escalou até 10,8%, o seu nivel máis alto desde setembro de 1984.

Segundo o INE, a repunta do IPC interanual até 5,8% en xaneiro débese, principalmente, ao encarecemento dos carburantes e a que os prezos de vestido e calzado baixaron menos no arranque deste ano do que o fixeron en xaneiro de 2022. Pola contra, Estatística destaca que os prezos da electricidade baixaron máis en xaneiro de 2023 que o ano pasado.

O Ministerio de Asuntos Económicos destacou nun comunicado que a inflación se estabilizou en xaneiro no seu nivel máis baixo desde novembro de 2021 e que só subiu unha décima a pesar da retirada da bonificación xeneralizada ao combustíbel, medida efectiva desde o comezo do presente ano.

O risco da inflación subxacente

Mais a nota negativa deste avance de datos é a estimación da inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos—, que en xaneiro volveu subir cinco décimas, até 7,5%, situándose 1,7 puntos por riba do IPC xeral e marcando o maior rexistro da serie histórica. O departamento que dirixe Nadia Calviño agarda que a subxacente alcance o seu máximo no primeiro trimestre deste ano e siga a senda descendente da inflación xeral.

A subxacente é un indicador considerado máis preciso polas persoas expertas por excluír os alimentos sen elaborar e os produtos enerxéticos e carburantes, considerados máis volátiles ao depender con máis forza de diversos factores vencellados á economía internacional, como está a acontecer coa guerra en Ucraína e o desmedido avance do prezo da enerxía.

O elevado rexistro da inflación subxacente manifesta que o incremento xeral dos prezos xa está a facerse notar dado que os produtores non poden conter máis o seu avance ao afrontaren cada vez un custo maior das materias primas. E é que a suba dos prezos non se repercute de inmediato en todos os sectores, senón de forma paulatina. Velaquí a relevancia do IPC subxacente. As persoas expertas poñen o foco no risco de que se "incruste" na nosa economía a inflación subxacente, que segue a subir mentres a xeral non só tocou teito en xullo pasado, senón que segue a descender en termos de variación interanual.

Índice Harmonizado

Por outra parte, o primeiro mes de 2023, o índice de prezos de consumo harmonizado (IPCH) situou a súa taxa interanual en 5,8%, tres décimas superior á rexistrada no mes anterior. Pola súa parte, a variación mensual estimada do IPCH foi de -0,5%.

O IPCH proporciona unha medida común da inflación que permite realizar comparacións internacionais. Obtense como resultado de homoxeneizar os aspectos metodolóxicos máis importantes de cada un dos índices de prezos de consumo de cada un dos estados membros da Unión Europea (UE) para facelos comparábeis.

Comentarios