A Xunta de Accionistas do Lugo será o 26 de decembro

A segunda convocatoria será o día seguinte no mesmo horario.
A empresa de Saqués controla 77,58% das accións. (Foto: CD Lugo).
photo_camera A empresa de Saqués controla 77,58% das accións. (Foto: CD Lugo).

O salón de actos do Pazo de Feiras da cidade da Muralla acollerá a partir das 19.30 horas da tarde do próximo 26 de decembro a primeira convocatoria da Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas do Club Deportivo Lugo, ficando para o día seguinte no mesmo horario a segunda convocatoria.

No orde do día feito público pola institución presidida desde 2015 por un Tino Saqués que tamén é o máximo accionista destacan "o exame e, no seu caso, aprobación das contas anuais correspondentes ao exercicio terminado a 30 de xuño de 2023" -no que a escuadra albivermella perdeu o seu posto na Segunda División 11 anos despois-.

Tamén a "censura, ou, no seu caso, aprobación da xestión social da sociedade realizada polo Consello de Administración". Ou o "exame e aprobación, no seu caso, do orzamento de ingresos e gastos de cara ao exercicio económico 2024/24".

Ademais, e sen deixar a actualidade do Club Deportivo Lugo, o oitavo clasificado da Primeira Federación e segundo conxunto da Galiza na terceira categoría -só por detrás do Celta Fortuna- conta cunha nova tenda oficial.

Abandonará a súa sede actual na Praza Bretaña para instalarse no centro urbano lucense, concretamente na rúa Conde Pallares, a escasos metros da Catedral.

Comentarios