Viaxes Amarelle quere amarrar a permanencia a costa do Joventut D'Elx

Poio Pescamar, pola súa parte, depende dun tropezo de Atlético Navalcarnero para asaltar o liderado
A meta non é outra que lograr un pleno galego nos oitavos de final. (Foto: Viaxes Amarelle).
photo_camera A meta non é outra que lograr un pleno galego . (Foto: Viaxes Amarelle).

Conta atrás para a recta final da Primeira Federación Futsal Feminina, que comeza a súa antepenúltima xornada da fase regular, que antecede á disputa dos play-off.

O último clasificado dos cinco representantes galegos, Viaxes Amarelle da Coruña, quere deixar practicamente atada a permanencia cun triunfo como local sobre Joventut D'Elx ás 18 horas de hoxe nun Pavillón Municipal Sagrada Familia que contará con numeroso público, xa que os locais ofreceron durante toda a semana boletos de balde para tratar de encher as bancadas.

Sobre a pista, a boa nova é o regreso da ucraína Khrystyna Stepanenko, que leva apartada da dinámica do grupo por unha lesión desde decembro, o que unido ao apoio da afección coruñesa e o pobre desempeño do Joventut -último clasificado- invita a soñar cun triunfo que podería ser decisivo para certificar o obxectivo da salvación.

Xa fóra de perigo está o Marín Futsal, que desde unha cómoda décima posición sube ao avión para retar na súa casa un Gran Canaria FSF Teldeportivo (hoxe, 18 horas), afundido no penúltimo posto após sumar só 12 puntos en 27 partidos.

Tamén sen presión encara o seu choque Ourense Envialia, oitavo con 37 puntos, quen viaxa até Zaragoza cunha misión patriótica, pois a escuadra maña fecha os postos de descenso con 19 puntos, polo que unha vitoria contribuiría sobremaneira a que Viaxes Amarelle da Coruña seguise un ano máis na Primeira Federación Futsal.

Últimas opcións de liderado para Poio e Burela

Xa na zona nobre, Pescados Rubén Burela e Poio Pescamar xogarán cun ollo posto no que suceda no derbi madrileño entre Mostoles e o intratábel Atlético Navalcarnero, líder con 71 puntos.

Se este último perde ou empata, e Poio supera o Melilla (hoxe, 18 horas), a formación pontevedresa sería a nova líder da categoría, unha condición á que tamén opta un Burela que agora mesmo é terceiro con 66 puntos e que tamén xogará ás 18 de hoxe, no seu caso contra o Alcantarilla.

Comentarios