Támara Echegoyen arranca na sexta posición o Mundial de 49erFX

A galega continúa preparándose para os Xogos.
Támara Echegoyen (á dereita), coa súa compañeira Paula Barcelón. (Foto: WCSL).
photo_camera Támara Echegoyen (á dereita), coa súa compañeira Paula Barcelón. (Foto: WCSL).

A galega Támara Echegoyen, campioa olímpica da clase Elliot nos Xogos disputados en  Londres no 2012, arrancou na sexta posición o Campionato do Mundo de 49erFX. 

Con sede na localidade canaria de Lanzarote, o torneo comezou nesta terza feira e estenderase até o próximo domingo, 10 de marzo, distribuíndose nunha fase clasificatoria até a cuarta, día 7, e unha final do 8 ao 10, onde estarán as 25 mellores tripulacións da Frota Ouro, coa última xornada reservada para a Medal Race, exclusiva para as 10 primeiras clasificadas.

Nunha xornada inaugural marcada polo vento, até o punto que a organización optou por suspender a competición dados os fortes ventos que golpeaban o arquipélago logo da disputa de dúas das tres carreiras previstas, a embarcación da ourensá, acompañada pola balear Paula Barceló, ocupa o sexto posto na táboa xeral, após asinar un 2 na Q1 e un 8 na Q2. O dúo ten por diante a Alex e Meech (Nova Zelandia), Melzacka e Jankowiad (Polonia) Germani e Bertuzzi (Italia), Aanholt e Duetz (Países Baixos) e as chinesas Hu e Shan.

Echegoyen e Barceló, que xa aseguraron a súa presenza nos Xogos de París, terán entre os seus principais rivais, alén das súas predecesoras na clasificación, ás brasileiras Martinez Grael e Kahena Kunze, campioas olímpicas en Río 2016 e en Tokyo 2020, e ás suecas Vilma Bobeck e Rebecca Netzler, defensoras do título.

"Estamos moi emocionadas e con moitas ganas. Sentimos que competir aquí [en Lanzarote] é como facelo na casa, e iso é un plus, pois todo o mundo trátanos como locais e sentimos o seu agarimo", afirmou Echegoyen.

Esta engadiu que o Mundial  "forma parte da preparación para os Xogos Olímpicos", así que irán a "aproveitalo ao máximo" e a dar "o mellor" de si mesmas para "alcanzar un bo resultado". Ademais están todas nosas rivais e creo que todas chegan con moi bo nivel, o que promete unha boa competición", subliñou.

Comentarios