Previa da xornada na Primeira de fútbol sala

O Burela defende o liderado ante o Les Corts.
A formación laranxa quere estender a súa xeira de imbatibilidade. (Foto: Pescados Rubén Burela).
photo_camera O Burela xoga contra o Les corts. (Foto: Pescados Rubén Burela).

A Primeira División de Fútbol Sala feminino, a categoría deportiva con maior representación de equipos da Galiza -seis sobre 16-, regresa hoxe cun Pescados Rubén Burela que busca defender a súa posición de privilexio no máis alto da clasificación ante o Les Corts catalán.

O choque terá lugar nun Pavillón de Vista Alegre da localidade da Mariña que abrirá as súas portas ás 11 horas para que, quen así o desexe, asista ao partido totalmente de balde coa idea de que o coliseo luza da mellor maneira posíbel nas cámaras de Teledeporte, canle que retransmitirá a acción para todo o Estado.

Con respecto á segunda formación do país na táboa, Poio Pescamar, a súa persecución dos postos de play-off continúa en África, concretamente en Melilla, onde ás 19 horas intentará, como dixo na previa a futbolista Elena Aragón, "imporse nun duelo directo cun conxunto de nivel moi similar".

Ourense OnTime, terceiro galego en discordia, podería facerlle un gran favor ao Poio se é quen de superar a formación que fecha a zona que dá acceso á pelexa polo título, Atlético Navalcarnero, nun partido previsto ás 18 horas en territorio madrileño.

Un pouco antes, concretamente ás 17, será a quenda da quinta entidade do país, Marín Futsal, que desde a súa posición de cuarto pola cola está obrigado a sumar para continuar aumentando a distancia que a separa dos postos de descenso contra un rival directo, Raio Maxadahonda, antepenúltimo clasificado.

Tamén na parte baixa, pero con maior colchón que a pontevedresa, emerxe o Viaxes Amarelle da Coruña, que colisionará ás 16 contra o Alcantarilla, mentres que o Castro de Castro de Rei fará o propio ás 19.30 co Móstoles. 

Comentarios