Volve o Galego de seleccións comarcais de fútbol sala

Guitiriz, Begonte e Castro de Rei, as sedes da proba.
Pablo Prieto, Marisol Morandeira e Manolo Vilachá. (Foto: RFGF).
photo_camera Pablo Prieto, Marisol Morandeira e Manolo Vilachá. (Foto: RFGF).

Xa queda menos para a fase previa da zona norte do Campionato Galego de Seleccións Comarcais de Fútbol Sala, unha rolda inicial que foi presentada esta cuarta feira no Concello de Guitiriz, pois o pavillón local, o Jonathan Carro Paz, será unha das sedes do torneo xunto co Pavillón Municipal de Baamonde -en Begonte- e o Pavillón Municipal Castro Ribeiras de Lea, en Castro de Rei

A rapazada, liberada das súas obrigas escolares polo festivo estatal do 6 de decembro, será a protagonista dunha proba destinada ás categorías infantil e alevín tanto na modalidade feminina como na masculina, sendo mixta a benxamín.

No acto, no que estiveron presentes a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; o concelleiro de Deportes, Iván Morado; o vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), Pablo Prieto; e o delegado federativo en Lugo, Manolo Vilachá, a rexedora recordou que competicións como esta son "boas para a vila, porque atraen moita xente".

O edil de Deportes, pola súa parte, salientou que "Guitiriz é pedra e auga, pero tamén é deporte", pois sempre están "encantados" de acoller este tipo de eventos, anticipando o vicepresidente da RFGF que o municipio foi a localidade escollida para un encontro amigábel da selección galega Sub-19 feminina, un choque que servirá de preparación antes da participación no Campionato de España.

Con respecto aos horarios, o choque inaugural será un Lugo-A Coruña da categoría Sub-14 infantil masculina ás 10 horas da mañá, estendéndose o fútbol sala ao longo de cinco partidos máis ás 11.15, 12.30, 16.30, 17.45 e 19 horas nos que os combinados de Ferrol e A Costa tamén aspiran á gloria.

A Irmandiña, a Boqueixón, Melide e O Carballiño

As distintas Irmandiñas de fútbol sala seguen coa súa posta a punto. Melide, Boqueixón e O Carballiño volverán ser testemuñas ao longo desta semana dunhas sesións de adestramento e dun partido amigábel das seleccións galegas das categorías Sub-16 e Sub-19 masculinas e femininas.

O obxectivo? Chegar nas mellores condicións á primeira fase do Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA), meta duns xogadores e xogadoras que desexan repetir a boa actuación do ano pasado.

Comentarios