Fútbol sala

O Poio busca dar o 'sorpasso' ao Futsi Atlético Navalcarnero

Burela-Alcorcón, o outro gran duelo da xornada na Primeira de fútbol sala.
A formación conserveira aspira a coarse nos postos de 'play-off'. (Foto: Poio Pescamar).
photo_camera A formación conserveira aspira a coarse nos postos de 'play-off'. (Foto: Poio Pescamar).

A Primeira División de fútbol sala feminino, a categoría deportiva estatal con maior peso da representación galega, pois conta con seis equipos do país sobre un total de 16, regresa este sábado con dous duelos que acaparan a atención da afección.

Un deles é o Poio-Pescamar-Futsi Atlético Navalcarnero, quinto e cuarto clasificado con 21 e 19 puntos, respectivamente, que colisionarán ás 17.30 horas no Pavillón da Seca. 

A escuadra madrileña, a gran dominadora do deporte no último lustro -con permiso do Pescados Rubén Burela-, non está vivindo o seu mellor inicio ligueiro, polo que a formación pontevedresa aspira a lograr o sorpasso clasificatorio vencéndoa ante o seu público. 

Non obstante, un dos membros máis destacados do cadro de xogadoras do Poio, Irene, trata de relativizar a transcendencia do choque, manifestando que é "cedo" para consideralo como "decisivo". "O que é un duelo directo, porque aínda que sexa a metade da Liga gañar significaría meternos en postos de play-off e os puntos sempre son importantes, e máis este ano, que con tanta igualdade pode pasar calquera cousa. Ogallá repetir a xesta que logramos contra elas o ano pasado", apostilou.

O outro gran partido da xornada é, curiosamente, o único que se xogará no día de mañá (Polideportivo Os Cantos, 17 horas), entre o Pescados Rubén Burela, líder con 28 puntos, e Arriva Alcorcón, segundo con 25. 

Retransmitido a través da canle Teledeporte -é o primeiro que se emite do Burela desde esta canle especializada na tempada 2023/24-, Irene Samper non ocultou a súa euforia na rolda de prensa previa ao encontro: "Estar a través das cámaras da televisión motívanos aínda máis para seguir coa dinámica tan positiva na que estamos instaladas esta tempada, pero debemos ser conscientes de que diante teremos un equipo moi ambicioso que ten como lema 'non renderse até o último minuto'.

Máis desequilibrados, sobre o papel, están o resto dos compromisos con galegos implicados. O Ourense OnTime, noveno, é claro favorito no seu enfrontamento das 17 horas co último, o Leganés. No sentido oposto, no Les Corts-O Castro (16.30 horas), Mostoles-Marín (18.30 horas) e Viaxes Amarelle-Melilla (19.30 horas) un triunfo das entidades da Galiza sería toda unha sorpresa.  

Comentarios