Da Liga Provincial á fase final da Copa da Raíña: a epopea do Fútbol Sala O Castro

Percorremos un camiño á elite que completou en menos dunha década desde a súa fundación.
A comuñón coa afección do Castro é unha das chaves do éxito da entidade fundada e presidida por Carmen Tojo en 2014. (Foto: Mónica Méndez).
photo_camera A comuñón coa afección do Castro é unha das chaves do éxito da entidade fundada e presidida por Carmen Tojo en 2014. (Foto: Mónica Méndez).

A Primeira División de fútbol sala feminino é a categoría deportiva estatal con maior peso da representación galega, que ascende a seis equipos sobre un total de 16 que conforman a liga.

Deles, os focos adoitan estar sobre o todopoderoso Pescados Rubén Burela, tres veces campión nos últimos catro anos, ou mesmo no Poio Pescamar, que sempre está roldando os postos de cabeza. Por detrás emerxen un clásico como Ourense OnTime, Marín Futsal, que ascendeu en 2021, e Viaxes Amarelle da Coruña, que regresou á elite no verán do 2022.

En 2023 uniuse a esta listaxe unha formación modestísima que nin sequera existía cando o Burela levantaba o seu primeiro título ligueiro, no ano 2013: FSF O Castro Bloques Cando.

Fundado en 2014 por Carmen Tojo, actual presidenta do club, esta recoñece, en conversa con Nós Diario, que por aquel entón non tiña máis ambición que "un grupo de amigas puidesen practicar deporte xuntas". 

Apenas un lustro máis tarde de que metesen os seus primeiros goles na Liga Provincial, con Tojo aínda sobre a pista como xogadora, O Castro xa estaba na Segunda División estatal, un crecemento meteórico que freou a Covid-19.

"A pandemia -explica a mandataria- afectounos a nivel competitivo, cortándonos primeiro pola metade esa tempada debut en Segunda cando íamos bastante ben na clasificación e logo, xa na seguinte campaña, propiciando unha distribución por grupos que non nos permitiu competir como queriamos, foi todo un pouco caos".

O orgullo de Castro de Ribeiras de Lea

O conxunto chairego naceu e medrou na parroquia de Castro de Ribeiras de Lea, pertencente ao municipio chairego de Castro de Rei, un concello de menos de 5.000 habitantes das que máis de 600 son socias da formación dirixida por Carmen Tojo, demostración empírica de que "a xente está a tope" cun equipo que desde este verán milita na Primeira División.

O ascenso chegou despois de pasar como un panzer alemán pola categoría de prata na 2022/23,  na que rematou en primeira posición con 11 puntos de vantaxe sobre o seu máis inmediato perseguidor após gañar 23 dos 26 partidos que disputou, empatar dous e perder tan só un.

No banco estaba outra das chaves do triunfo do Castro, José Carlos, Chipi, Martín, un veterano con máis dun cuarto de século de experiencia que ademais de dirixir forma parte, xunto coa directiva, do proceso colectivo da selección de fichaxes, pois, como admite Carmen Tojo, "non hai ningunha persoa encargada especificamente da secretaría técnica".

Porque, a pesar de continuar sendo un club de canteira, na que hai catro divisións de categorías inferiores, O Castro reforzouse de cara á súa estrea na Primeira con futbolistas do nivel de Anita Ontiveros, Jeni Souza ou Teresa Demetrio, Teté, toda unha campioa do mundo. 

O segredo do éxito? "Traballo", di a presidenta, "non hai outro, máis que quitarlle tempo á familia, aos amigos...", apostilando que tamén resulta imprescindíbel "para sobrevivir" o apoio das "empresas pequenas de Castro" e o das "Administracións". 

Comentarios