Fútbol

A PREVIA | O Celta, a por unha vitoria que adoce o seu 'annus horribilis'

Douvikas e Larsen apuntan a unha nova titularidade tras a sanción de Iago Aspas.
Larsen pelexa un balón no último partido do Celta como visitante, en Vallecas (0-0). [Foto: AFP7 / Europa Press]
photo_camera Larsen pelexa un balón no último partido do Celta como visitante, en Vallecas (0-0). [Foto: AFP7 / Europa Press]

O agardado ano do centenario non estivo á altura das expectativas para un celtismo que, porén, nunca deixou de animar a un Real Club Celta cuxo gran legado deste 2023 é a Oliveira dos cen anos que marabillou as bancadas de Balaídos. Os celestes, primeiro ás ordes de Carlos Carvalhal —nunha tempada con final agónico— e agora con Rafa Benítez no banco, só foron quen de sumar 43 puntos dos 120 en xogo ao longo dos doce últimos meses. Apenas dez vitorias, doce se engadimos os triunfos copeiros ante Turégano e Sestao River.

Gañar hoxe (21.30 horas) ao Vilarreal marcaría a diferenza entre rematar o ano en postos de descenso ou facelo nunha situación algo —un pouco— máis cómoda. Benítez non poderá contar con Iago Aspas, sancionado, polo que todo apunta a unha nova titularidade da dupla Douvikas-Larsen en punta.

"Aceleramos un pouco, pero o ritmo aínda non é o que queremos", alertou esta terza feira o técnico madrileño. Diante estará un Vilarreal especialmente afectado por baixas cruciais como a do seu máximo goleador, Gerard Moreno, o atacante Yéremy Pino ou o centrocampista vigués Santi Comesaña.

O VAR, máis accesíbel

As conversas entre o árbitro de campo e a sala VAR, que tantos desgustos causou este ano ao Celta, faranse públicas unha vez rematada a xornada a partir de xaneiro, segundo acordaron esta terza feira Liga e Federación, co obxectivo de facelo máis transparente.

Comentarios