Novo himno do Celta

A 'Oliveira dos cen anos' vai tomando forma

O himno do centenario estréase esta sexta feira, mais hoxe unhas poucas persoas poderán gozar do videoclip antes que ninguén.
Faixa pendurada no centro comercial A Laxe de Vigo.
photo_camera Faixa pendurada no centro comercial A Laxe de Vigo.

"Na ledicia son celeste, celtista no padecer". O Celta e C. Tangana seguen a dar pistas sobre a Oliveira dos cen anos, o himno do centenario do equipo vigués que se presentará de forma oficial esta sexta feira e que esta mesma tarde, contra as 20 horas, poderán ver uns poucos privilexiados e privilexiadas en exclusiva no Teatro Afundación de Vigo.

Na mañá desta quinta o propio clube pendurou desde o alto do centro comercial A Laxe unha faixa na que se pode ver parte da letra, se non enteira, da canción que a partir de agora soará cada dúas fins de semana en Balaídos.

Este semella ser o seu retrouso: "Oliveira dos cen anos / cría raíces de prata / tomar amores non custa / olvidalos si que mata / olvidalos si que mata / eu non os quero esquecer / na ledicia son celeste / celtista no padecer".

O Celta tamén compartiu nas súas redes sociais un vídeo no que se poden ver as primeiras impresións de Iago Aspas, Kevin Vázquez, Fran Beltrán e Franco Cervi vendo e escoitando o videoclip que C. Tangana dirixiu e filmou coa axuda de 2.000 seareiros e seareiras que ateigaron os arredores da ponte de Rande para dar cor a un himno que ficará por sempre na memoria colectiva. E parece, á vista das súas reaccións, que gustará á parroquia celeste.

Tamén o propio artista adiantou nas súas redes un pequeno petisco do que será o himno, con imaxes da icónica ría de Vigo, inzada de celtistas, que poñen os cabelos de punta. A propia ría terá un especial protagonismo no videoclip.

Comentarios