Ponteareas contará cunha meta voante no 'Gran Camiño'

Na cuarta etapa da renacida Volta á Galiza
O corredor brillou na recente edición da Vuelta Ciclista a España. (Foto: Burgos BH).
photo_camera O corredor brillou na recente edición da Vuelta Ciclista a España. (Foto: Burgos BH).

Ponteareas será sede dunha meta voante do Gran Camiño, a primeira volta ciclista profesional que se desenvolverá na Galiza dúas décadas despois da última edición dunha proba na que ocuparon o podio corredores tan notábeis como Miguel Indurain, Abraham Olano ou o galego Álvaro Pinto.

A cita pasará por Ponteareas o vindeiro 24 de febreiro, durante a etapa inaugural, nun percorrido de 163 quilómetros con saída no Porriño e meta en Vigo. "Para nós é un orgullo e unha ledicia poder ser meta voante desta proba.

Unha vila como a nosa, berce do ciclismo, tiña que estar presente dalgún modo nesta cita histórica que permitirá recuperar as carreiras profesionais na Galiza", salientou o  concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.

A volta durará catro días, nos que os ciclistas profesionais protagonizarán unha carreira que permitirá "poder gozar dun evento que contribuirá a garantir o futuro do ciclismo, xa que non só ofrece unha experiencia única a todas as persoas participantes, senón que tamén facilitará aos novos deportistas contar con referentes próximos".

"Tamén axudará a potenciar o uso da bicicleta como medio de transporte e actividade ao aire libre", engadiu o edil.

Comentarios