Magnus Cort Nielsen, primeiro líder da volta 'O Gran Camiño'

Vigo foi protagonista da primeira meta desta nova volta á Galiza que leva por nome 'O Gran Camiño'. A vitoria foi para o danés Magnus Cort Nielsen.
Magnus Cort Nielsen chegando á meta (Foto: Facebook).
photo_camera Magnus Cort Nielsen chegando á meta (Foto: Facebook).

Magnus Cort Nielsen, do EF Education- Easypost, coroouse esta quinta feira como o primeiro líder da volta ciclista 'O Gran Camiño', tras gañar a primeira etapa desta competición que percorrerá a Galiza por diferentes tramos do Camiño de Santiago.

O corredor danés converteuse no primeiro gañador de etapa e líder da proba tras un esprinte masivo no que Alejandro Valverde (Movistar) quedou terceiro e o italiano Giovanni  Lonardi (Eolo- Kometa), segundo.

A primeira etapa de 'O Gran Camiño' partiu do Porriño e terminou no centro de Vigo, cunha duración de menos de catro horas.

Durante toda a carreira rodouse cunha diferenza estábel de entre dous e tres minutos para os fuxidos, diante un pelotón que os tivo en todo momento "controlados", segundo recolle a organización nun comunicado.

Cort Nielsen, primeiro

Pasada a pancarta do últimos tres quilómetros, Cort Nielsen xa estaba ben situado e esta situación facilitoulle o resultado final.

O danés executou un esprinte final e fíxose co triunfo de etapa e a camisola amarela, por diante de Giovanni  Lonardi (Eolo Kometa) e Alejandro Valverde (Movistar). Os tres sumaron segundos de bonificación, 10, 6 e 4, respectivamente.

Non estiveron na liña de saída do Porriño, a pesar de que os seus equipos si que serán da partida, Chris Froome (Israel Premier Tech), Míkel Nieve (Caja Rural-Seguros RGA) e o líder do Ilnur Zakarin.

Comentarios