As loitas olímpicas toman ao asalto o Pazo dos Deportes de Lugo

O Campionato Galego debuta na Cidade da Muralla.
Efrén Castro (segundo pola dereita), no Pazo Provincial durante o acto de presentación. (Foto: Vicepresidencia Deputación de Lugo).
photo_camera Efrén Castro (segundo pola dereita), no Pazo Provincial durante o acto de presentación. (Foto: Vicepresidencia Deputación de Lugo).

O Pazo Provincial de Deportes de Lugo acollerá o sábado o Campionato da Galiza de Loita, que se desenvolverá por vez primeira vez na Cidade da Muralla. Alí, segundo as estimacións realizadas pola organización, a cargo da Federación Galega de Loitas Olímpicas (FGL) e o Club de Loita Lugo,  agárdase a presenza de máis de 200 deportistas masculinos e femininos.

O vicepresidente da Deputación e deputado de deportes, Efrén Castro, participou na presentación desta cita, onde destacou a "importancia" de levar a cabo estas actividades "para dar visibilidade a un deporte descoñecido para moitas persoas", pero tamén para "apoiar o deporte base, algo no que cremos desde a área que xestiono e que consideramos esencial para dar unha maior importancia á saúde da veciñanza".

Catro tapices oficiais atenderán os e as deportistas de 25 clubs de toda a Galiza que se achegarán até Lugo nunha xornada que comezará en horario matinal, de 10.45 a 13.30 horas, co Campionato Galego Sub-13 e Sub-17. 

Xa pola tarde levaranse a cabo os Campionatos de Sambo, Grappling e GI, de 16.45 a 20 horas. "Animo a todas as persoas que o desexen a acudir a esta cita na que se van reunir os maiores talentos galegos destas prácticas deportivas, e que dará acceso aos campionatos estatais", explicou o vicepresidente.

Esta seguinte gran cita, o Campionato de España de Grappling, está programada o 24 de febreiro en Xixón, mentres que no referente ás loitas olímpicas o Estatal será en León no mes de marzo.

Lydia Pérez, derrotada na primeira rolda do Europeo

A gran baza galega en Romanía, onde se desenvolve o Europeo de Loita, perdeu na primeira rolda. Deste modo, logo de caer fronte Alpyeyeva, de Ucraína, deberá agardar pola recuperación para seguir no torneo.

Comentarios