A oposición critica a manipulación da CRTVG no 'caso Luis Rubiales'

O BNG alerta da "limpeza ideolóxica" no medio público
Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, esta sexta feira, 29 de setembro. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, esta sexta feira, 29 de setembro. (Foto: Arxina)

O BNG e o PSdeG levaron esta sexta feira, 29 de setembro, á Comisión Permanente non Lexislativa de Control da Corporación Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) do Parlamento galego o tratamento por parte da TVG sobre o caso do bico non consentido de Luis Rubiales a Jenni Hermoso. 

No caso do BNG, a deputada Alexandra Fernández cuestionou concretamente a emisión dunha videomontaxe na que se vía a futbolista Hermoso nun contexto e nunha actitude de celebración, acompañada de declaracións do comentarista "coas que se pretendía trasladar á audiencia a hipótese de que a agresión non era clara".

Este tipo de discursos, dixo Alexandra Fernández, "non poden aceptarse nuns medios públicos que deben estar totalmente implicados na loita contra a violencia machista". 

Pola súa parte, a socialista Noa Díaz denunciou un "novo e inexplicábel caso de manipulación informativa" e acusou o director xeral da compañía de medios públicos, Alfonso Sánchez Izquierdo, de "apartar a información [do caso Rubiales] dos servizos informativos xerais durante os cinco días que tardou o Goberno galego en reaccionar".

Díaz criticou a "torpeza" da dirección do ente do tratamento do caso, que supón "unha clara mostra de que están pregados aos intereses do PP e non á sociedade galega, que é a quen se deben". 

Ante estas cuestións, Sánchez Izquierdo afirmou que "o tratamento do caso por parte da TVG foi o axeitado".

"Limpeza ideolóxica"

Na mesma sesión, o BNG acusou a Dirección da CRTVG de facer unha "limpeza ideolóxica sen precedentes" nos medios públicos galegos. A "falta de pluralismo" evidénciase, engadiu, nos espazos de opinión e debate. "Boa parte dos tertulianos son palmeiros do PP", mentres que voces que responden a outras liñas ideolóxicas son "minorizadas até extremos indescritíbeis".

Fernández, criticou que a dirección da CRTVG eliminou dos faladoiros "calquera voz que cuestionara a acción política do PP", ao que Sánchez Izquierdo respondeu que "todas as voces do debate público están representadas".

Comentarios