A Galiza cae ante Andalucía e remata segunda no Estatal

A Irmandiña Sub-15 perde na finalísima por 1-3
Ana Capelo reduciu distancias cun tanto materializado no 51. (Foto: Futgal).
photo_camera Ana Capelo reduciu distancias cun tanto materializado no 51. (Foto: Futgal).

Non puido ser, pero caeron con orgullo. As integrantes da selección galega Sub-15 fixeron soñar a toda a afección durante o seu percorrido até a gran final, pero caeron derrotadas ante Andalucía nun gran partido.

O encontro, disputado na mañá desta cuarta feira no Municipal Ciudad Jardín de Cartaxena, rematou cun resultado de 1-3 (0-1, Alba Cerrato, minuto 5; 0-2, Carla Aguilar, minuto 26; 1-2, Ana Capelo, minuto 51; 1-3, Alba Cerrato de novo, minuto 80) favorábel á escuadra do sur do Estado. 

O cadro andaluz mostrou a súa superioridade durante a primeira media hora de partido, na que lograron encarrilar o duelo grazas a dous tantos en menos de media hora. Alba Cerrato, primeiro, anotou o 0-1 nun man a man con Naiara, e Carla Aguilar, despois, obrou o 0-2 no minuto 26 cun centro-chut desde a banda dereita que acabou por coarse na meta galega.

Os dous tantos fixeron moito dano ás futbolistas galegas, que trataron de reaccionar pero apenas lograron aproximarase até a portería andaluza, chegando ao tempo de descanso no Municipal Ciudad Jardín de Cartaxena con 0-2 no electrónico.

Tras o paso por vestiarios, a Irmandiña tirou de espírito e corazón para meterse no partido grazas a un gol de Ana Capelo á saída dun córner. Convertido en revulsivo, o tanto fixo emerxer á Galiza e da man de novo de Ana Capelo puido lograr o empate no minuto 60, pero o balón acabou escapando pola marxe dereita da portería defendida por Amor.

Lamentabelmente, foi a última gran ocasión da selección galega, a pesar de que non parou de intentalo mesmo deixando unha serie de espazos defensivos dos que Alba Cerrato sacou petróleo no minuto 80, cando materializou o 1-3 final.

Problemas coa venda de boletos para o 'play-off'

Sen deixar o fútbol, pero pasando do feminino ao masculino, a afección do Deportivo viviu momentos de tensión no día de hoxe a causa dos problemas na plataforma de venda de boletos para facerse cunha localidade en Riazor para a final do play-off ante o Albacete.

As miles de persoas que trataron de acceder ao mesmo tempo provocaron un atraso de dúas horas desde a hora inicial de venda prevista, o que levou á Federación a determinar que  a venda exclusiva para socios e socias se extenda un día máis.

Comentarios