A Irmandiña Sub-15 e Sub-17 encaran o Estatal de fútbol

As novas promesas do país xogan en Murcia.
Ambos combinados debutan na mañá de hoxe. (Foto: Futgal).
photo_camera Ambos combinados debutan na mañá de hoxe. (Foto: Futgal)

As seleccións galegas Sub-15 e Sub-17 xa están en Cartaxena (Murcia) para estrearse hoxe na fase final do Campionato de España de Seleccións Autonómicas, onde aspiran a lograr o título no Grupo Ouro tras clasificarse en primeira posición na primeira fase que tivo lugar o pasado mes de abril en Pastoriza (Arteixo). O primeiro dos combinados debutará ás 9.30 horas contra as Illas Canarias, mentres que as maiores entrarán en acción ás 12 ante Asturias.

A RFEF non paraliza o 'play-off' de ascenso

O Alxeciras, sexto clasificado do Grupo 2 na Primeira RFEF, solicitou a pasada fin de semana a paralización do play-off de ascenso a Segunda División por unha teórica aliñación indebida do Castela no encontro que enfrontou ambos os equipos. 

Agora, o Comité de Apelación da Real Federación Española de Fútbol informou de que non acepta o recurso presentado polo club, que xa anunciou que interporá recurso ante o Tribunal de Arbitraxe Deportivo (TAD) esixindo, ademais, esa paralización dunha fase de ascenso que debe arrancar este sábado "para evitar danos maiores no caso dunha futura resolución favorábel".

Convenio para reformar o estadio da Malata

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, asinaron esta quinta feira un convenio para o financiamento das obras de renovación do sector norte do estadio municipal da Malata. 

A Deputación destinará 488.026,92 euros, 80% do orzamento total da obra, que ascende a 610.033,65 euros, e que permitirá corrixir as deficiencias que presenta a instalación no sector norte baixo as gradas. Por outra parte, ambas as institucións lamentaron que a Xunta da Galiza "non poña nin un euro" nas obras de rehabilitación do estadio ferrolán.

Swedberg, en Vigo

Nun movemento pouco habitual no mundo do fútbol o prometedor mediocentro sueco Williot Swedberg aterrou esta quinta feira en Vigo, mais non para asinar un contrato co conxunto celeste, senón para coñecer de primeira man como é o Celta antes de emprender viaxe até Bélxica para facer o propio co Bruxas, outro dos equipos que pretenden facerse cos seus servizos.

Comentarios