Máis de 4.300 sinaturas reclaman seleccións galegas

A Plataforma social Vía Galega entregou esta quinta feira no Rexistro Xeral da Xunta en Compostela as sinaturas de apoio ao manifesto 'Galiza, un pobo, unha selección' acompañadas dunha carta dirixida a Alberto Núñez Feixoo. No acto participaron deportistas e representantes de varias organizacións e entidades do país.
Deportistas, entidades e organizacións arrouparon a iniciativa de entrega das sinaturas de Vía Galega no Rexistro Xeral da Xunta (Foto: Arxina).
photo_camera Deportistas, entidades e organizacións arrouparon a iniciativa de entrega das sinaturas de Vía Galega no Rexistro Xeral da Xunta (Foto: Arxina).

A organización Vía Galega entregou esta quinta feira no Rexistro Xeral da Xunta da Galiza, en Compostela, 4.326 sinaturas de apoio ao manifesto 'Galiza, un Pobo, unha selección', dirixidas ao presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo. O acto converteuse nunha chamada de atención pública pola situación actual de todas as seleccións galegas coa participación de deportistas de diferentes disciplinas e representantes de organizacións e entidades que apoiaron coa súa presenza a reivindicación.  

O manifesto de Vía Galega

No manifesto analízase a situación das seleccións galegas e reclámase o dereito da Galiza de estar representada, como tal, en todas as disciplinas deportivas e ter o dereito a poder conformar seleccións galegas en todos os deportes, coa posibilidade de poder competir a nivel oficial e internacional. Ademais, demandan que as persoas que se dediquen ao deporte e suban ao podio poidan exhibir a bandeira galega. Por último, reclaman galeguizar o deporte e impulsar a igualdade de xénero. 

O portavoz de Vía Galega, Anxo Louzao, salientou "a grande acollida que está tendo a campaña" e agradeceu o apoio a todas as persoas asinantes e ás alí presentes.

Afirmou que "o dereito a competir coas nosas seleccións, baixo a nosa bandeira e himno e a termos selección en todos os deportes é un dereito que nos asiste como galegos e galegas e que non  pode ser prohibido por máis tempo. Feixoo, como presidente da Xunta, ten a responsabilidade e obriga de facelo posíbel". Criticou, ademais, que "só unha Xunta que non acredita na nosa identidade nacional e  que procura a invisibilidade e irrelevancia da Galiza pode negarnos a vibrar coas nosas seleccións, entoar o noso himno e izar a nosa bandeira". 

O voceiro de Vía Galega ten claro que "se hoxe a Galiza é unha potencia e referencia en diferentes disciplinas deportivas, de competirmos oficialmente e internacionalmente, estas acrecentaríanse exponencialmente". Aliás, Louzao explicou que reclaman seleccións nacionais e oficiais "porque os nosos e nosas deportistas e seleccións son as únicas que nos representan e, por tanto, a  Xunta ten a obriga de tomar todas as medidas para que este sentir sexa realidade". 

A voz de deportistas profesionais da Galiza

Mercé Barrientos, ex presidenta da Federación Galega de Taekwondo e presidenta da Asociación de Mulleres Deportistas Galegas contou a súa experiencia coa selección galega. "Os rapaces galegos competían en Bélxica, en Holanda, en Alemaña, Corea... e co tempo experimentei unha regresión promovida desde o ámbito da política na que as seleccións galegas foron perdendo capacidade de manobra". Botou man de lembranzas cando explicou que "nun campionato en Holanda os e as rapazas galegas enchéronse de medallas e un adestrador iraniano preguntaba onde estaba a Galiza e por que gañaban tanto, e despois de explicarllo pensaba que era unha illa". 

O tamén asinante do manifesto, Manuel Polo, subcampión europeo máster 45 de marcha atlética e adestrador de atletismo, afirmou que "é fundamental ter capacidade de representar o noso país a nivel internacional e ese é o obxectivo fundamental desta campaña".

Finalmente, Serafín Carballo, subcampión de 1.500 metros comentou que, para el, "é unha tristura que moitas rapazas e rapaces poderían estar representando Galiza, o noso país, mais non poden por ser os segundos ou terceiros do Estado e non teren a posibilidade de competir". Carballo apuntou que "se tivésemos unha selección galega moitos deportistas da alta competición que aparcan a súa carreira por eses resultados terían a posibilidade de prolongala".

Comentarios