Alicia San Martín: "O profesionalismo no rugby feminino é unha entelequia"

Conversar con Alicia San Martín (Ferrol, 1994) é facelo cunha persoa consciente da realidade "non do rugby, senón de calquera deporte minoritario e feminino", na que a idea de recibir unha máis que merecida recompensa económica polo esforzo dedicado a un deporte tan físico e técnico como o rugby semella utópica.
A Irmandiña, CRAT da Coruña, Muralla de Lugo e Xixón son os escudos que San Martín ten defendido. (Foto: Diego Dolan).
photo_camera A Irmandiña, CRAT da Coruña, Muralla de Lugo e Xixón son os escudos que San Martín ten defendido. (Foto: Diego Dolan).

Actualmente milita no Xixón Rugby Club, equipo dunha cidade á que vén de desprazarse por motivos laborais. Foi moi duro ese cambio, esa separación das compañeiras do CRAT?

Si. Eu comecei en Lugo a xogar, e tras ese tempo volvín á Coruña, que era a miña cidade, para tratar de competir en División de Honra, que sempre foi o meu obxectivo. Esta tempada sería a miña quinta no CRAT, pero este verán xurdiume unha oportunidade laboral, dun modo moi rápido ademais, pois case nin tempo tiven de despedirme, e marchei para Xixón. 

O problema para o meu desexo de competir na categoría máis alta posíbel é que alí estou a 300 quilómetros da Coruña, do País Vasco e de Valladolid, nunha especie de illa onde non teño ningunha gran competición perto de min, o que complicou aínda máis todos eses cambios que vivín: de cidade, de estudante a traballadora...

En que categoría está o Xixón?

Na Liga Norte, na que compiten equipos de Asturias e Cantabria. Ten un pouquiño máis de nivel que a Liga Galega, pero nada que ver coa División de Honra, foi un cambio impresionante. É unha mágoa que acontece frecuentemente no rugby feminino, pois cando saes da División de Honra ou da División de Honra B prodúcese un salto cualitativo brutal. Quizais non tanto en Madrid e Catalunya, que teñen moitos equipos, pero no resto de territorios é algo brutal. 

Non é que haxa un chanzo de diferenza, hai mil. E de feito iso conduce a unha problemática que na Galiza é moi palpábel, que é que se ti como xogadora queres competir na máxima división posíbel non tes oportunidade de medrar no teu equipo, o que provoca un éxodo até os conxuntos referenciais, como pode ser o CRAT, o que é un engano en si mesmo, porque a xogadora intenta subir pero o seu club queda sen esas referentes e estáncase, provocando un círculo vicioso, a pescada que morde o rabo.

Ou unha especie de estafa piramidal.

Tamén (ri). Existen as dúas perspectivas: a da que queda no club e ve as compañeiras que marchan ou a desa xogadora que vai fóra, que é da que podo falar por experiencia, porque eu oxalá puidese quedar en Lugo cando estaba alí, pero a única opción para medrar era marchar. Afortunadamente tiven a sorte de que ese conxunto de referencia estaba na miña cidade, na miña casa, pero iso non é o normal. Oxalá non tivese que ser así e todo o abano de xogadoras de distintos niveis tivesen opcións de competir. É unha auténtica mágoa.

Entendo polas súas palabras que no rugby feminino galego queda moito camiño por diante...

A situación está un pouco estancada, pero non só no galego, senón en xeral no rugby feminino estatal. Seica din que as licenzas medran, e que as cativas comezan cada vez antes, algo que é bo, pois eu, como 90% das xogadoras que coñezo, comecei na universidade, xa que este é un deporte eminentemente universitario. 

Así que nese eido si que hai un progreso fantástico que permite darlles ás nenas un pulo desde a idade escolar e até elas queiran, pero a día de hoxe a xente da miña idade non pode ter unha progresión dada a incompatibilidade cos estudos, o traballo, a vida mesma... pero como en calquera outro deporte minoritario e feminino, ollo, esa é a realidade. 

Esta é unha das barreiras de entrada que me destacaba nestas mesmas páxinas hai un tempo o seleccionador galego, Jos Portos. Outras son a falta de tradición na zona, unha certa dificultade das normas... Como foi a súa entrada no deporte? Complexa?

Sempre me encantaron os deportes, pero este gustoume moito polo tema físico, porque é de contacto directo, o que é algo que encaixa coas miñas características como persoa. 

Desde o comezo estiven súper cómoda no campo, aínda que non me decataba de nada polo tema das normas (ri). Hai moitas normas e regras, e nun comezo era un pouco caótico todo, pero decidín prepararme, esforceime por entender o regulamento, que non é pequeno, vin partidos, facía preguntas nos adestramentos... e a base de traballo aprendín.  

Supoño que tamén é unha mágoa que ese esforzo nos adestramentos, en aprender as normas dun deporte tan duro como é o rugby, non se traduza logo nunha remuneración económica. O profesionalismo no rugby feminino xa non galego, senón estatal, continúa sendo unha entelequia?

Que entendemos como profesionalismo?

Vivir do deporte, sen un 'plan B' para pagar as facturas.

Claro, pero sempre  hai que ter un 'plan B'. Todas as mulleres que queren vivir disto esfórzanse por aprender un oficio, nuns estudos... é moi diferente ao escenario doutros deportes. Os maiores referentes que temos fóra son Patricia García e Laura Delgado, que están na Premier, pero a nivel estatal as profesionais que chegan a selo é a través de axudas dos clubs, de achegas da Federación, do COE [Comité Olímpico Español]... pero a inmensa maioría das compañeiras e rivais de División de Honra que coñezo son traballadoras e estudantes. Por iso, efectivamente, o profesionalismo aínda é unha entelequia.

Comentarios