O futuro do básquet galego reúnese no Paco Paz de Ourense

O recinto da Cidade das Burgas acolle a 'Xuntanza Minibasket' 
O evento terá lugar no Pazo dos Deportes Paco Paz. (Foto: FGB).
photo_camera O evento terá lugar no Pazo dos Deportes Paco Paz. (Foto: FGB).

Ourense foi a sede escollida para albergar a Xuntanza Minibasket, un evento organizado pola Federación Galega de Baloncesto (FGB) no marco da súa programación de seguimento dos xogadores e xogadoras máis novas de toda a Galiza.

Deste modo, a área deportiva da FGB reunirá mañá no Pazo dos Deportes Paco Paz da Cidade das Burgas a preto de 200 competidores e competidoras que representarán as sete delegacións zonais federativas, contando ademais con dous combinados nacionais con participantes sen distinción de procedencia.

"Sen un ánimo estritamente competitivo, despregarán xogo e convivencia sobre as pistas as seleccións masculinas e femininas da Coruña, Arousa, Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo e as denominadas Galiza 2013", apostilan desde a FGB.

A xornada contará cun total de 16 partidos que se estenderán desde as 9.30 horas da mañá e até as 20 da tarde, todo baixo a atenta mirada dos e das seleccionadoras galegas da categoría Minibasket, que serán testemuña dos mesmos e observarán en directo a evolución deportiva de todas os participantes.

Ademais, desde a Federación recordan que a actividade "estará aberta ao público que desexe asistir e animar" os rapaces e rapazas.

Comentarios