O Iberconsa Amfiv de baloncesto en cadeira xogará en Europa esta tempada

A escuadra olívica regresa á competición continental.
O conxunto olívico competirá na denominada 'Eurocopa 3'. (Foto: Iberconsa Amfiv).
photo_camera O conxunto olívico competirá na denominada 'Eurocopa 3'. (Foto: Iberconsa Amfiv).

"O rumor é a antesala da noticia", adoitaba dicir entre longos silencios e bocaladas de fume de tabaco José María García e, unha vez máis, o axioma do vello xornalista quedou confirmado. A rumoroloxía apuntaba nos últimos días a un regreso do Club Iberconsa Amfiv (Asociación de Minusválidos Físicos de Vigo) de baloncesto en cadeira de rodas a unha competición europea, e agora, o seu presidente, Antonio Beiro, así o ratifica.

"Podo dicir oficialmente que, de novo, xogaremos en Europa", sinalou o mandatario, que non ocultou a súa felicidade por un regreso que se producirá, en concreto, na Eurocopa 3, que comezará en Regio de Calabria (Italia) o 7 de marzo do vindeiro ano 2024, querendo a sorte que o conxunto galego ficase no Grupo 'A' da primeira fase xunto cos locais do ASD RC Basket in Carrozzina, os franceses do Elan Chalon Basket-Fauteuil, os turcos do KKTC Vakiflar Wheelchair Basketball Team e os alemáns do Rhine River Rhinos Wiesbaden.

Esta noticia fecha así unha ausencia nos principais torneos continentais que se prolongaba desde o ano 2019, cando o Amfiv tamén foi da partida na Eurocopa 3, rematando na quinta posición. O seu obxectivo agora é volver ao máis alto, tal e como fixera en 2017, cando gañara a Challenge Cup. 

Beiro indicou que ampliará a información sobre este agardado retorno á elite continental nun acto de presentación da tempada 2023/24 que desenvolverá, finalmente, no Hotel Hesperia de Vigo a partir das 13 horas do próximo día 31 de outubro, logo de ser adiado da súa data orixinal, a principios deste mes.

Sen Europa pola guerra, o Breogán xa pensa na Liga

Sen saír do mundo do baloncesto, o Breogán de Lugo pon boa cara ao mal tempo e aproveitou a suspensión do compromiso de Champions League que tiña que disputar esta cuarta feira contra o Hapoel Holon israelita para traballar coa idea de mellorar as súas prestacións na Liga ACB, onde é o penúltimo clasificado.

Para saír do pozo será determinante a recuperación dos mancados, Anthony Polite, que volveu traballar de forma individual; Sergi García, que "podería reiniciar o traballo en pista esta semana"; Toni Nakic, que está na fase de fisioterapia; e un Conner Frankamp que "optimiza a súa adaptación".

Comentarios