Xustiza

O futbolista Álvaro Ratón, absolto dunha presunta agresión sexual no Carballiño

É a terceira vez que se somete a xuízo por uns feitos que a denunciante sitúa na noite de San Xoán de 2018. A xuíza considera insuficientes as probas e asegura que non resultou "desvirtuado o principio de presunción de inocencia do procesado".
O porteiro Álvaro Ratón, durante a súa etapa no Real Zaragoza. (Foto: La Liga)
photo_camera O porteiro Álvaro Ratón, durante a súa etapa no Real Zaragoza. (Foto: La Liga)

O xulgado do Penal 1 de Ourense vén de absolver, por terceira vez, o porteiro de fútbol Álvaro Ratón do delito de agresión sexual do que viña sendo acusado, e novamente esgrime que as probas presentadas e a declaración da denunciante non son suficientes para desvirtuar o principio de presunción de inocencia. Así, o acusado —actualmente nas filas do Wisla Cracovia Polaco, tras pasar por equipos como o Real Zaragoza— foi xulgado por estes feitos en 2020 e resultou absolto, pero tras un recurso a Audiencia ordenou repetir o xuízo. Convocouse unha segunda vista en 2021, da que tamén saíu exculpado.

E o tribunal ordenou agora novamente repetir o xuízo, o terceiro, que decorreu o pasado mes de novembro co mesmo resultado que os anteriores: a xuíza da sala do Penal 1 mantén a absolución alegando que, "a raíz da proba practicada no acto de plenario", non resultou "desvirtuado o principio de presunción de inocencia do procesado".

Os feitos remóntanse á noite de San Xoán de 2018, no Carballiño —á súa localidade natal—, cando, segundo a denunciante, Álvaro Ratón se lle achegou con intención de intimar con ela e, ante a súa negativa, emprrouna, tentou bicala e someteuna a tocamentos. Na súa última sentenza, a maxistrada sinala que a declaración da denunciante "non se viu suficientemente reforzada por elementos corroboradores da súa versión acusatoria".

No auto tamén resalta que, ademais das versións opostas das partes, conta coas declaracións ofrecidas polas persoas que se atopaban de festa coa denunciante, as cales "ningunha luz lanzan sobre a forma na que sucederon os feitos, ou o que realmente pasou, tendo en conta que non puideron corroborar nin sequera de forma periférica ningún dos puntos da declaración da denunciante, dado que en ningún momento vírona co procesado".

"O certo é que as declaracións ofrecidas polas testemuñas que depuxeron a pedimento da parte denunciante non permiten considerar plenamente acreditada a versión acusatoria en canto á forma de suceder os feitos, xa que as persoas que se atopaban con ela na madrugada do 24 de xuño de 2018 descoñecen se o procesado e ela estiveron a falar, se se viron nunha ou dúas ocasións, a que hora chegaron ao pub ou mesmo a que hora fóronse de alí", explica a maxistrada na resolución.

Por outra parte, engade que a proba pericial "non goza da contundencia e determinación que sería exixíbel para o ditado dunha sentenza de carácter condenatorio". Así, destaca, en canto aos hematomas da denunciante, que "se atopan evolucionados de días, sen poder precisar se se corresponden coa data dos feitos denunciados ou con outra data, tal e como sostiveron todos os facultativos que a asistiron".

Con respecto aos informes psicolóxicos, apunta a maxistrada que acreditan unicamente "unha doenza psíquica, pero non a causa ou orixe da mesma". A iso súmase que a declaración da vítima non ten o peso suficiente, xa que, desde que presentou a denuncia e en sucesivas declaracións, modificou cuestións que "afectan datos esenciais dos feitos relatados" e dita declaración "non se ve corroborada polas restantes probas practicadas". Por todo iso, acordou a absolución, nunha sentenza contra a que cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial de Ourense.

Neste xuízo, a Fiscalía pedía unha condena dun ano de prisión e unha indemnización de 3.690 euros, mentres que a denunciante solicitaba dous anos e medio de cárcere e 40.000 euros de indemnización. A defensa, ademais da libre absolución reclamaba a imposición das costas á acusación particular "pola súa temeridade e mala fe", e que se recoñecesen danos e prexuízos ao procesado.

Comentarios