A estrea do himno abre os actos do centenario do Celta

O Club presentou horas antes a letra da peza
C. Tangana e Rafa Benítez xunto a xogadores do equipo vigués. (Foto: Celta de Vigo)
photo_camera C. Tangana e Rafa Benítez xunto a xogadores do equipo vigués. (Foto: Celta de Vigo)

A preestrea esta quinta feira en Vigo do videoclip do himno do centenario do Celta serviu de aperitivo á estrea pública que realizará mañá o club da peza musical creada polo artista C. Tangana para a ocasión.

O evento do serán desta quinta reuniu no teatro García Barbón perto de mil persoas, entre representantes da entidade, grupos de siareiras e siareiros así como integrantes do mundo social e político, que tiveron ocasión de coñecer antes como é a versión final da agardada composición. 

No acto, ademais, participou o propio Antón Álvarez, coñecido por C. Tangana ou “El madrileño”, fillo de vigués, que estivo varios meses preparando o proxecto. Desde que se confirmou a súa intervención causou pareceres encontrados entre a afección pola súa procedencia e a música que realizaba.

Porén, neste tempo traballou con moitos colectivos ligados á musica tradicional galega, como son as pandeireteiras As Lagharteiras de Mos e o músico Xisco Feijoo, deixando ver a súa intención, confirmada agora, de que tería en conta as raíces do club e do propio país. 

O camiño que seguiu o himno até a súa presentación oficial serviu, tamén, para promocionar o propio centenario. Durante todos estes días redes sociais como as do propio C. Tangana, con milleiros de seguidoras e seguidores, mostraban anacos da peza musical ou imaxes do vídeo.

Esta quinta, horas antes da previa, unha enorme lona no centro de Vigo, desde o alto do centro comercial A Laxe, daba a coñecer a súa letra que conta cun retrouso que di: "Oliveira dos cen anos / cría raíces de prata / tomar amores non custa / olvidalos si que mata / olvidalos si que mata / eu non os quero esquecer / na ledicia son celeste / celtista no padecer"

No Quinocho estará o Olympique de Lyon

Alén do himno, estes días foi noticia o anuncio do rival do Celta desta tempada no Memorial Quinocho. Este trofeo servirá de presentación do equipo diante da súa afección e o contrincante será o Olympique de Lyon que estará en Balaídos o sábado 29 de xullo (20 horas).

O cadro francés conta no seu palmarés con sete ligas e cinco copas de Francia como torneos máis importantes. O histórico club de fútbol francés está nun bo momento e pensa esta tempada na supremacía ao Paris Saint Germain.

Comentarios