Protestas en Balaídos por unha actuación policial

A peña Tropas de Breogán abandonou as bancadas en sinal de protesta.
Esta non é a primeira ocasión en que a afección alza a voz polo control sobre a bancada de animación. (Foto: Tropas de Breogán).
photo_camera Esta non é a primeira ocasión en que a afección alza a voz polo control sobre a bancada de animación. (Foto: Tropas de Breogán).

A afección do Celta asistiu nesta última xornada ao primeiro triunfo do conxunto olívico en Balaídos desde o pasado 2 de outubro. O gol de Iago Aspas, así como o asubío final do colexiado Iglesias Villanueva, festexáronse en grande no coliseo celeste, aínda que non na bancada de animación

Onde habitualmente impera o bulicio, reinaba o silencio. Aínda que nun principio a razón parecía estar na obriga da retirada dunha faixa a prol das seleccións deportivas galegas, a causa semella outra.

Segundo fontes consultadas por Nós Diario, as forzas de seguridade identificaron un seareiro por un asunto acontecido nun partido anterior. A peña Tropas de Breogán, que exhibiu a devandita faixa a prol das selección galegas, abandonou en bloque o Municipal de Balaídos.

O resto da bancada de animación que decidiu permanecer no recinto optou por dirixir as súas queixas cara ao banco de autoridades, pedindo a dimisión do presidente Carlos Mouriño, cada vez máis cuestionado pola súa xestión social e deportiva.

A falta de fichaxes, "arrimar un ovo contra o outro"

No eido estritamente deportivo, hoxe é o último día do mercado do inverno e o triunfo sobre o Athletic de Bilbao non agocha unha necesidade de reforzos que até o propio Iago Aspas pide cada vez que ten ocasión, chegando a afirmar que "se non veñen máis compañeiros, tocará arrimar un ovo contra o outro e apertar todos xuntos".

Esas incorporacións dependen da saída do marxinado Denís Suárez, que xa está en Barcelona para ser futbolista do Espanyol até o 30 de xuño. Agora, a pelota está no tellado de Mouriño e o seu asesor deportivo, Luís Campos. 

Comentarios