O Celta presenta Seferovic, o xogador que "necesitaba" o club no tramo final da tempada, segundo Mouriño

O ex de Benfica e Galatasaray agarda formar unha "moi boa dupla" con Iago Aspas, a quen considera "un crack".
Seferovic xa levou a cabo o seu primeiro adestramento como celeste (Foto: RC Celta).
photo_camera Seferovic xa levou a cabo o seu primeiro adestramento como celeste (Foto: RC Celta).

A afección do Celta empregou as redes sociais para expresar o seu desgusto pola xestión da dirección do club neste mercado de inverno -chegando a convocar unha manifestación de protesta o 12 de febreiro diante da bancada de Tribuna ás 15 horas, antes do partido fronte o Atlético de Madrid-, no que tan só foi quen de fechar dúas operacións: a saída de Denis Suárez e a chegada de Haris Seferovic.

O dianteiro suízo foi presentado oficialmente nun acto no día de onte por un cada vez máis cuestionado Carlos Mouriño, quen tras vetar as preguntas sobre o mercado -porque "xa haberá tempo" de abordar o tema-, mostrou a súa "satisfacción" por poder incorporar ao seu cadro de xogadores "un homecon gran experiencia, que estivo en tres Copas do Mundo e en dous Europeos". 

O presidente agradeceu persoalmente a "Sefe" -como é máis coñecido o ex de Galatasaray e Benfica, entre outros- que "entre todas as opcións que tiña", escollera o Real Club Celta.

O mellor momento da carreira de 'Sefe' foi na Liga Nós, da que chegou a ser máximo goleador

"Escolleunos porque cre que somos un bo equipo, e el ven a achegar, se pode, con goles, aínda que do que estamos seguros é do seu traballo, dedicación e entusiasmo", engadiu o mandatario olívico.

Pola súa parte, a flamante fichaxe viguesa afirmou que tratará de "facelo o mellor posíbel", e recordou o seu paso pola Liga, cando defendeu as cores da Real Sociedade aló pola tempada 2013/14, na que xogou 24 partidos e marcou dous tantos.

Sefe recoñeceu que está algo "falto de ritmo" logo de non ser un habitual no Galatasaray durante os últimos meses, pero considera que ten habilidades e potencial para formar unha "moi boa dupla" con Iago Aspas, xa que se o galego "é un crack que xoga moi ben aproveitando os espazos", el saca petróleo "da forza física, atacando a profundidade e finalizando para facer goles".

En última instancia, a súa meta é recuperar a súa mellor versión, no Benfica na tempada 2020/21, cando materializou 22 tantos.

Comentarios