PREVIA | PRIMEIRA RFEF

Deportivo e Lugo disputan un derbi moi morboso

O primeiro derbi galego na Primeira Federación chega hoxe cun duelo entre Lugo e Dépor no Ángel Carro que mobilizará máis 2.000 seareiros e seareiras herculinas, que se desprazarán até a cidade da Muralla para asistir ao partido no estadio e nas rúas coa idea de recuperar unha irmandade rota en 2020 por Tino Saqués.
O último derbi entre Dépor e Lugo xogouse en Riazor o 1 de marzo de 2020, xusto antes do comezo oficial da pandemia da Covid-19. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O último derbi entre Dépor e Lugo xogouse en Riazor o 1 de marzo de 2020, xusto antes do comezo oficial da pandemia da Covid-19. (Foto: RC Deportivo)

O Deportivo da Coruña e o Club Deportivo Lugo foron, durante moitos anos, entidades practicamente irmás, cunha excelente relación a nivel institucional -como demostra o partido amigábel que o aínda Súper Dépor foi disputar ao Ángel Carro en 2004 para axudar un conxunto albivermello asfixiado economicamente- e entre as afeccións, protagonizando numerosas escenas de irmandade en ambos os derbis que xogaron na tempada 2013/14, os primeiros oficiais desde a década dos 70.

Como tantas outras cousas, todo cambiou coa pandemia. O presidente da escuadra lucense, Tino Saqués, decidiu posicionarse do lado do responsábel da Liga de Fútbol Profesional (LFP), Javier Tebas, logo do estoupido do 'Caso Fuenlabrada', cando numerosos futbolistas madrileños se presentaron na Coruña infectados coa Covid-19 violando todos os protocolos vixentes no momento, o que levou a Liga a adiar unicamente un Dépor-Fuenlabrada da derradeira xornada no que os herculinos se xogaban a permanencia, adulterando así a competición.

Saqués, beneficiado indirecto desta medida -o Lugo tamén estaba metido na pelexa pola salvación e gañou o seu compromiso sen a presión de estar pendente do que sucedía en Riazor- non só apoiou cegamente a Tebas, senón tamén criticou con dureza a proposta branquiazul de ampliar a Liga a 24 equipos, que salvaría o Deportivo e en nada lle prexudicaría.

Isto supuxo un antes e un despois entre dous conxuntos que desde entón non volveron coincidir na mesma categoría até que, logo do descenso do Lugo a pasada tempada, volvan facelo hoxe ás 21.30 no Ángel Carro convertidos nos principais candidatos a obter o ascenso directo.

Pero iso hai que referendalo sobre o terreo de xogo, onde igualdade entre ambos vén sendo a tónica característica, xa que cinco dos seus seis últimos enfrontamentos remataron en empate, saíndo vitorioso no restante o Lugo por 1-0 en 2019.

Outro factor a ter en conta é a negativa xeira de resultados que o Deportivo arrastra fóra da casa desde hai xa varios anos e que o seu técnico, Imanol Idiakez, teme que torne "en obsesión". "É un dos enigmas que ninguén se explica, pero imos intentar que esta tempada non aconteza e darlle a volta á situación", engadiu.

Por parte albivermella, o seu homólogo, Pedro Munitis, cedeu o favoritismo aos visitantes, expresando ademais a súa felicidade por encarar un partido que contará "cun ambiente propio do fútbol profesional". 

Arenteiro e Celta B, a pola súa primeira vitoria

Os outros dous conxuntos da Galiza na Primeira Federación son o Club Deportivo e o Arenteiro e o Celta B, agora coñecido como Celta Fortuna. Ningún dos dous tivo sorte no seu debut, caendo derrotados ante dous dos 'cocos' do grupo, Nàstic de Tarragona e Ponferradina, respectivamente.

Afortunadamente, nesta segunda xornada xogan contra unhas escuadras teoricamente máis accesíbeis, como son un Tarazona que visitará Vigo ás 20.30 horas de hoxe e unha Sociedade Deportiva Logroñés que saltará ao céspede do campo de Espiñedo ás 20.30 horas da tarde de mañá. 

Os do Carballiño terán diante un clásico moderno da Segunda División B que logrou estrearse cunha vitoria por 1-0 sobre o filial do Barça na que o autor do gol, peza chave, gran estrela e principal referencia ofensiva da entidade rioxana foi o ex canteirán de Barcelona, Valencia e Betis Jordi Escobar.

No referente ao Celta Fortuna, os pupilos de Claudio Giráldez deberán aprender do fillo máis ilustre de Tarazona, Paco Martínez Soria, e comportarse como o inefábel Don erre que erre para superar un conxunto maño tan modesto como correúdo.  

Comentarios