O Deportivo debutará o 10 de setembro ante o Europa

O único representante da Galiza na segunda categoría do fútbol estatal, o Real Club Deportivo da Coruña, xa coñece o nome dos seus rivais e as datas aproximadas dos partidos correspondentes á tempada 2023/24. A meta, unha vez máis, é lograr un regreso á elite que a piques estivo de conseguir a pasada campaña. 
O feminino branquiazul regresa ao traballo co ascenso en mente. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O feminino branquiazul regresa ao traballo co ascenso en mente. (Foto: RC Deportivo).

O Real Club Deportivo da Coruña comezará a súa andaina na próxima edición da Primeira Federación, a segunda categoría do fútbol feminino a nivel estatal, na fin de semana dos días 9 e 10 de setembro.

A única escuadra da Galiza na competición terá que viaxar até Barcelona para xogar ante o Europa, conxunto que acaba de conseguir o ascenso. E, sen apenas tempo para descansar, o 13 de setembro afrontará a primeira eliminatoria da Copa da Raíña, con rival aínda por determinar.

Superada a cita copeira, o 16 ou 17 de setembro o Dépor disputará o seu primeiro partido como local, recibindo en Abegondo o filial do Atlético de Madrid B.

O ano futbolístico baixará o pano o 17 de decembro coa duodécima xornada, na que o conxunto herculino visitará Pamplona para colisionar con Osasuna.

A primeira data do 2024 será o Día de Reis, sábado 6 de xaneiro, cando as futbolistas branquiazuis tratarán de obter o mellor regalo posíbel, os tres puntos, na casa contra Alba Fundación.

Con varias paradas durante a campaña, a vixésimo sexta e derradeira xornada está programada entre os días 27 e 28 de abril de 2024 precisamente contra a antedita Fundación Alba en Castela A Mancha.

Do mesmo modo que a pasada tempada, o campión subirá directamente á Liga F, a máxima categoría, mentres que a outra praza de ascenso sairá dun play-off que constará de semifinais e final en formato de ida e volta entre o segundo, o terceiro, o cuarto e o quinto na fase regular. As datas escollidas, segundo informou a Real Federación Espola de Fútbol (RFEF) irán desde o 5 até o 15 de maio.

Ferreras, "agradecida" por seguir á fronte do club

Após ficar a un só gol de lograr o obxectivo de retornar á elite na pasada tempada, Irene Ferreras continuará á fronte do club.

En rolda de prensa, a preparadora madrileña mostrouse "agradecida" por seguir contando coa confianza da entidade, e máis tendo en conta a inestabilidade que caracterizou o Deportivo nos últimos tempos. 

Comentarios