Corredoiras mantense líder, no Morrazo, na Liga Atlántica de Billarda

O equipo de Bueu (O Morrazo) domina a clasificación unha xornada máis. Valpaços F segue primeiro na categoría feminina. 
Vanesa, de Gharaboto (Foto: LNB).
photo_camera Vanesa, de Gharaboto (Foto: LNB).

O Estadio de Atletismo de Cangas (O Morrazo) foi escenario da novena xornada da Liga Atlántica de Billarda, Rías Baixas. Cun inicio mediocre en puntuacións, Corredoiras conseguía a maior puntuación por equipos na primeira fase de grupos con 60 puntos, seguido de Gharaboto, con 57 puntos, e Lúa, con 50 puntos.

Na segunda fase mudou a eliminatoria e Lúa recuperouse. Ao remate, Corredoiras gañou a xornada con 65 puntos, Lúa de Forza foi segundo, con 62 puntos, e terceiro foi Gharaboto, cos mesmos 62 puntos.

En equipos femininos, gañou Gharaboto F con 26 puntos, segundo foi Lúa F con 23 puntos e terceiro Valpaços F con 21 puntos.

Na categoría individual absoluta, Xan Rodiño foi vencedor, segundo foi Martín Caneda e terceiro, Xián, todos de Lúa de Forza. Tania, de Valpaços, foi primeira na categoría individual feminina, segunda quedou Chefa, de Corredoiras. e terceira, Elena González, de Gharaboto.

Na categoría individual infantil, venceu Hugo, de Gharaboto, segundo foi Mauro de Lúa de Forza e terceira Xaínza do mesmo equipo. 

Emoción na clasificación

A xornada de Cangas conseguiu engadir máis emocións aos títulos individuais. Desta maneira, Álvaro foi o gran beneficiado da xornada, xa que, acadou o liderado e agora supera a Xan en 2 puntos.

En individual feminina, Tania empata na cabeza co Bego Ríos. En individual infantil, Xián mantén unha cómoda vantaxe de 19 puntos sobre Hugo. 

Nas categorías de equipos e equipos femininos, parece que a tendencia mantense e Valpaços F segue a liderar con 23 puntos de marxe sobre Gharaboto F. En categoría de equipos, Corredoiras tamén continúa na cabeza. A vindeira xornada será en Meaño (O Salnés) o sábado 18 de marzo.

Comentarios