domingo 25/10/20

Comeza a 2ºB coa incógnita do público

O protocolo do Centro Superior de Deportes (CSD) marca un máximo de 1.000 persoas como público nos estadios de 2º B. Deportivo da Coruña e Racing de Ferrol presentaron á Xunta outras cifras para unha competición que comezará esta mesma fin de semana coa participación de seis equipos galegos.
Estadio de Riazor (RC Deportivo)
Estadio de Riazor (RC Deportivo)

O inicio da competición na liga de Segunda B de fútbol comeza con atrancos e non poucas incertezas. A situación provocada pola pandemia da Covid-19 e a normativa deseñada para este deporte polas altas institucións complica o desenvolvemento habitual dos partidos e as posibilidades dos equipos modestos, a maior parte sen moitos recursos propios, de contar coa seguridade propia doutras tempadas. Tampouco se salvan os "menos modestos" con estadios cunha gran capacidade.  

Unha primeira parte do protocolo oficial presentado no seu día polo Consello Superior de Deportes (CSD) recomenda, que non obriga, a realización de tests PCR antes da volta esta fin de semana e 72 horas antes da competición. Ese non é un obstáculo agora para as entidades deportivas, que xa dispoñen do material necesario. O principal problema, relacionado directamente cos ingresos económicos de cada entidade, ten a ver coa presenza ou non de público na bancada e, de contar con persoas espectadoras no campo, saber cal sería a cantidade total permitida no momento de abrir os estadios.

O CSD recomenda primeiro que non haxa máis 500 persoas no público para as instalacións cobertas e non máis de 1.000 espectadoras e espectadores nos estadios abertos. Aínda así, deixa  a decisión final en mans das autoridades sanitarias que, no noso caso, serían competencia da Xunta da Galiza tal e como sinala a circular 14 da federación española no Protocolo de Actuación para a volta de competicións oficiais de ámbito estatal e carácter non profesional.

Agardando resposta da Xunta da Galiza

A poucas horas do inicio da competición, o Real Club Deportivo da Coruña anunciou que suspendía a venda de entradas para o partido deste domingo contra o Salamanca, e o Racing de Ferrol daba a coñecer que retiraba polo momento a súa campaña de aboamento. A razón destas decisións era que ambas as entidades deportivas presentaran á Xunta propostas de protocolos  nas que solicitan aumentar o número de asistentes aos partidos por riba das consideracións normativas que sinalaba o CSD e tendo en conta a capacidade dos seus estadios.

Desde o Dépor, a través dun comunicado, aseguran que as actuais circunstancias de situación epidemiolóxica e as medidas máis restritivas que valoran as autoridades sanitarias "obrigan ao Club a esperar acontecementos para determinar se se pode completar a venda de localidades previstas”. O estadio de Riazor conta con capacidade para algo máis de 32.000 asistentes.

No caso do Racing sinalan, en nota de prensa, que queren ser "transparentes cos nosos socios e seguidores" para cumprir "coa normativa de seguridade e saúde e o deber cos nosos socios de permitirlles a entrada". Fontes do club de Ferrol consultadas por Nós Diario aseguran que aínda non recibiron ningunha confirmación por parte do Goberno galego e, caso de que non acepten a súa proposta de capacide de público, que algúns medios de comunicación sinalan en 4.000 asistentes, valorarán as medidas a tomar. O estadio no que xogan, o municipal da Malata, ten capacidade para algo máis de 12.000 persoas.  

Seis equipos galegos en competición con seis asturianos e oito  de Castela e León

A competición na 2º B do fútbol estatal comezará os días 17 e 18 de outubro. A federación española estabeleceu 5 grupos e os seis conxuntos galegos que participan (Racing de Ferrol, Deportivo, Compostela, Pontevedra, Celta B e Coruxo) estarán no grupo 1 xunto a 6 asturianos (Oviedo B, Sporting B, Covadonga, Marino de Luanco, Lealtad e Langreo) mais 8 representantes de Castela e León (Numancia, CyD Leonesa, Valladolid Promesas, Burgos, Guijuelo, Salamanca UDS, Unionistas e Zamora).

A primeira xornada con participación galega será o día 17 co Guijuelo-Celta B (17 horas). O resto de partidos serán o domingo cos encontros Unionistas-SD Compostela (16.30 horas); Coruxo-Zamora (17 horas); Racing Ferrol-Pontevedra (17 horas) e Deportivo-Salamanca (19 horas).

comentarios