A Federación ofrece á Liga unha Segunda con 24 equipos polo devir do 'caso Fuenlabrada'

A Federación Española de Fútbol (RFEF) ofreceu á Liga que teña en consideración a posibilidade de que a Liga SmartBank teña o ano que vén 24 equipos perante a "serie de escenarios incertos" que están a acaecer polo 'caso Fuenlabrada'. Serían o Deportivo da Coruña e o Numancia os que se manterían na categoría.
2020080116482728598
photo_camera Entrada do hotel coruñés onde estiveron confinados os xogadores e corpo técnico do Fuenlabrada. (Foto: Distrito Xermar).

A RFEF enviou unha carta a Javier Tebas, presidente da Liga, a Irene Lozano, presidenta do CSD, e Jonathan Praena, Fernando Vidal e Moisés Israel, presidentes do Fuenlabrada, Deportivo e Numancia, na que realiza esta proposta á patronal ao considerala a mellor solución, tras coñecer o desenvolvemento desta pasada sexta feira nas frontes xurídicas e deportivas relacionados cos positivos por coronavirus no conxunto madrileño e a suspensión do seu partido contra o ' Dépor'.

"Desde esta RFEF entendemos que o estado da situación actual deixa abertos unha serie de escenarios incertos en función do resultado final de cada un deles, onde as decisións que se adopten neste momento e sen coñecer o resultado final dos procedementos abertos puidesen chegar a facer de difícil encaixe a resolución final que houber coa materialización xurídico-competitiva nese momento concreto da resolución", indica a misiva asinada por Andreu Camps, secretario xeral da RFEF.

A federación lembra que "nin pode, nin debe prexulgar ningún dos resultados potencialmente posíbeis", mais que "si pode constatar que algún deles podería crear unha situación de difícil ou imposíbel corrección" para os clubs "afectados directa ou indirectamente polos resultados dos procedementos que van tardar meses en finalizar".

Diante desta situación, a RFEF pon en consideración da Liga a opción de aceptar unha liga de Segunda División con 24 equipos de maneira excepcional e só para a tempada 2020/2021, tendo que volver a unha competición dun máximo 22 na tempada 2021/2022, segundo recolle a carta.

Se a Liga acepta, a federación entende que lle correspondería manterse ao Deportivo e ao Numancia, os que tiñan "mellores méritos deportivos dos catro últimos clasificados", que ademán chegaban a esa última xornada "con opcións matemáticas reais" de se manter e que "poderían ser os prexudicados por unha decisión que lles for posteriormente favorábel sen poder exercitala desde o inicio e podendo crear un problema aínda maior nunha fase posterior".

"A RFEF ofrece esta solución como mellor forma de garantir, nestes momentos, as posíbeis incidencias que puidese ter a resolución das frontes xurídicas abertas e os seus potenciais desenlaces", conclúe a carta.

Comentarios