O Cortizo recibe un dos 'agasallos' máis cobizados do mercado ciclista

Movementos no mercado galego das dúas rodas.
O murciano estaba sen equipo. (Foto: FCG).
photo_camera O murciano estaba sen equipo. (Foto: FCG).

O Club Ciclista Padronés-Aluminios Cortizo recibiu un agasallo de Reis por anticipado, logo de conseguir fechar a contratación de José Luis Faura, un dos nomes máis cobizados no mercado de axentes libres na categoría elite.

A chegada do corredor murciano de 23 anos de idade representa a primeira incorporación da tempada para a escuadra galega, logo de finiquitar durante as últimas semanas o apartado de renovacións.

O anterior equipo de Faura foi o Electro Hiper Europa, onde chegou hai un ano tras destacar en 2022 nas filas do Valverde Team Ricardo Fuentes, conxunto no que logrou o triunfo na etapa raíña da Volta a Zamora e o terceiro posto do Memorial Valenciaga.

En ambos os éxitos foron determinantes as súas capacidades como escalador, eido no que é especialista, como el mesmo sinala: "O terreo ascendente é o que mellor se me dá. Atópome moi cómodo nas tiradas duras con portos encadeados e nas probas de varios días, e agardo poder demostralo".

A súa meta final, explicou, logo de atopar fogar no Cortizo tras "quedar sen equipo dun día para outro" é "medrar na categoría amateur" para dar o salto ao profesionalismo, aínda que, recoñece, non é algo que o "preocupe en exceso".

O ciclismo busca persoas que queiran arbitrar

A Federación Ciclismo Galego (FCG) vén de lanzar unha campaña para lograr que máis persoas se interesen por ser árbitras.

"O ciclismo sempre necesita novos árbitros", explica o organismo, razón pola cal lanza unha serie de cursos de formación que lle permitirán aos e ás interesadas "contribuír ao bo desenvolvemento" do deporte das dúas rodas, ademais de "recibir unha remuneración económica por cada proba á que se asista". 

Máis en DEPORTES
Comentarios