A capacidade física dos futbolistas de Primeira diminúe cada ano 2%

Un estudo da UVigo analiza a relación entre rendemento e idade na Liga en 154 xogadores. O resultado confirma con datos a importancia de valorar a idade para o posto a desenvolver nesta categoría.
Iago Aspas adestrando. Con 35 anos, é o segundo máximo goleador da Liga con cinco goles en cinco xornadas (Foto: RCCelta).
photo_camera Iago Aspas adestrando. Con 35 anos, é o segundo máximo goleador da Liga con cinco goles en cinco xornadas (Foto: RCCelta).

Procurar o máximo rendemento dun equipo de fútbol é a máxima dos servizos técnicos dos clubs. Ao falar deste deporte na área profesional, a decisión de fichar determinadas xogadoras ou xogadores condiciona orzamentos que na Liga de Fútbol chegan a ser millonarios. 

Coa idea de analizar os condicionantes que actúan directamente na súa capacidade física, un equipo de investigación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo realizou un seguimento de 154 xogadores de primeira división entre as tempadas 2012-2013 e 2019-2020.

O resultado, publicado agora no Journal of Science and Medicine in Sport, unha das principais revistas científicas internacionais que existen da área das ciencias do deporte, confirma con datos a importancia de valorar a idade para o posto a desenvolver en cada equipo desta categoría. 

Os investigadores Ezequiel Rey, Miguel Lorenzo e Carlos Lago descubriron ao longo de oito tempadas que por cada ano que pasa, a distancia que os xogadores da primeira división do fútbol estatal percorren no campo a máis de 21 quilómetros por hora, a velocidade que se considera como unha acción de “alta intensidade”, diminúe 1,8%. 

A idade, un condicionante positivo segundo o posto

No estudo, elaborado grazas a un convenio coa Liga de Fútbol Profesional, certifícase que á vez que empeora o rendemento físico destes deportistas segundo van cumprindo anos (un 20% en 10 anos), melloran as súas prestacións técnico-tácticas, xa que a porcentaxe de pases que realizan con éxito aumenta 0,25% cada tempada. Este outro dato determinaría, segundo este traballo, que hai postos e funcións dentro dos propios equipos nos que a idade xogaría a favor. 

“Os achados permiten entender en que postos pode ser interesante manter futbolistas veteranos e en cales sería mellor firmar xogadores novos. Dá pistas moi interesantes da valoración de mercado dos xogadores”, destaca Carlos Lago. Neste sentido, o catedrático explica que se se trata de xogadores que “constrúen o xogo”, como sería o caso de centrocampistas ou mediocentros, “a idade non é un impedimento, xa que interesan xogadores que dominen o xogo”.

Pola contra, asegura o investigador, “nos postos que teñen maior demanda física, laterais e interiores, é máis difícil descubrir xogadores de máis de 30 anos que sigan mantendo un rendemento moi alto”. 

Levando estes resultados á actualidade, o único equipo galego este ano que xoga na máxima categoría estatal de fútbol, o Celta de Vigo, conta con catro xogadores no equipo que superan os 30 anos. Ademais do porteiro, Agustín Marchesín (34), figuran na defensa Hugo Mallo (31) e na dianteira Iago Aspas (35) e Augusto Solari (30). O caso de Aspas é singular polo inicio de tempada que esta a ter o moañés. O estudo explica que hai casos nos que o rendemento técnico mellora.

“Cantos máis anos ten un xogador, máis domina e entende o xogo”, sinala Lago. Para Miguel Lorenzo isto “podería ser un dos factores que explique que haxa futbolistas con traxectorias moi longas, que conseguen seguir xogando a idades moi avanzadas”.

A combinación ideal é reunir experiencia e xuventude

Non é o primeiro estudo que realiza esta facultade da UVigo sobre o rendemento e a idade de deportistas no fútbol profesional. En 2019 realizouse un traballo no que tamén participaban os investigadores Ezequiel Rey e Carlos Lago, comparando as idades de todos os xogadores que competiron na Liga de Campións desde a 1992-1993 até a 2017-2018, período no que a idade media dos futbolistas pasou dos 24,9 anos aos 26,5.

A conclusión sinalaba que non existían diferenzas na idade media entre os equipos con maior éxito na competición e aqueles que non superan a fase de grupos. Daquela Lago recomendaba que "a combinación ideal para ter éxito sería ter xogadores con experiencia, que entenden mellor o xogo, con dominio da profesión, mais tamén xogadores novos, con fame de gañar títulos e de crecer".

Comentarios