O Celta anuncia a renovación de Iago Aspas o Día da Patria Galega

O xogador continuará de celeste até o 2025 segundo anunciou o club vigués.
Iago Aspas e Carlos Mouriño (Foto: RC Celta).
photo_camera Iago Aspas e Carlos Mouriño (Foto: RC Celta).

"Día da Patria Galega, Día do Príncipe das bateas: Iago Aspas renova até 2025". Con este titular o Celta de Vigo anunciaba esta segunda feira, a través dun comunicado, a continuidade do xogador de Moaña por tres anos máis. 

“Para o RC Celta e a súa afección, este 25 de xullo non é só o Día da Patria Galega, é o día no que o Príncipe das Bateas une o seu destino ao do club”, significaba a entidade deportiva viguesa para engadir que “o máximo goleador da historia celeste, o gañador de catro Trofeos Zarra, estende a súa vinculación tres tempadas” polo que “o celtismo poderá gozar até 2025 da imaxinación, a calidade e os goles do canteirán”.

O club lembraba no anuncio que Iago Aspas é “moito máis que os seus 418 partidos, os seus 184 goles e 63 asistencias, a súa condición de máximo goleador da historia celeste e de futbolista da liga con máis Trofeos Zarra xunto a David Villa”.

Ademais, indican que para o celtismo, Aspas foi “o mozo do dobrete máxico ante o Alavés para afastar un dramático descenso, o que lle rompeu a cintura ao seu marcador para fechar o milagre do 4 por cento, o das bágoas da Nosa Reconquista fronte ao Vilarreal, o que rescatou ao equipo en infinidade de ocasións e de mil maneiras diferentes”. 

Retirarse no Celta de Vigo con 38 anos

O xogador manifestara en máis dunha ocasión a súa intención de rematar a súa carreira profesional en Vigo. Malia pasar por outros clubs como o Liverpool e o Sevilla, non deixou Balaídos desde que regresou en 2015.

O futbolista, que cumprirá 35 anos o 1 de agosto, foi o máximo goleador estatal entre 2017 e 2019 ademais de ter realizado 17 goles esta mesma tempada.

Comentarios