Os Campionatos Galegos reúnen as mellores promesas do volei en Narón

Das categorías prebenxamín, benxamín e alevín.
A Federación convocou unhas bolsas para acompañar á Irmandiña nos vindeiros Campionatos de España (Foto: FGV).
photo_camera A Federación convocou unhas bolsas para acompañar á Irmandiña nos vindeiros Campionatos de España (Foto: FGV).

A localidade de Narón repite como sede dos Campionatos Galegos nas categorías Prebenxamín e Benxamín, así como da Copa Alevín, logo do éxito da primeira proba disputada o pasado sábado 22 de xaneiro. 

Xa que logo, a segunda das etapas desta competición terá lugar tamén en sábado, neste caso o 19 de febreiro e nos pavillóns de A Solaina e Campo da Serra, grazas a unha nova colaboración entre o Club Narón-Volea Voleibol e o Concello de Narón.

Unha vez que se leva a cabo este evento, o torneo -no que se congregan as novas promesas galegas de máis alto nivel- sairá de xira e chegará á Cidade das Burgas, Ourense, o vindeiro día 2 de abril, sendo a seguinte e derradeira parada prevista até o de agora a de Pontevedra o 23 do mesmo mes.

Tal e como informan desde a Federación Galega de Voleibol (FGV), a inscrición dos equipos terá un límite de xogadores por club mínimo de catro integrantes e máximo de sete na categoría alevín, e de tres até cinco xogadores ou xogadoras na benxamín e prebenxamín, estando aberta até as 20 horas do 15 de febreiro, terza feira.

A Federación Galega oferta catro bolsas

Sen deixar o volei, a FGV, a través da Escola Galega de Adestradores "e co obxectivo de mellorar o proceso de aprendizaxe e a experiencia en eventos nacionais dos adestradores e adestradoras galegas" oferta catro bolsas para acompañar as seleccións galegas infantil e cadete nos vindeiros Campionatos de España de Seleccións Auton 2022, que se disputarán en Valladolid do 12 ao 15 de xullo.

Poderán aspirar ás mesmas quen nos últimos cinco anos obtivese o título nivel 1 ou nivel 2, sendo imprescindíbel que conte con dispoñibilidade para desprazarse co grupo até Castela.

Comentarios