O Breogán, xa salvado, volve xogar no Pazo esta quinta feira ante Unicaja Málaga

Un triunfo ante os andaluces achegaría os 'play-off'
Kalinoski (dereita) volverá xogar no Pazo, nesta ocasión defendendo as cores de Unicaja (Foto: ACB).
photo_camera Kalinoski (dereita) volverá xogar no Pazo, nesta ocasión defendendo as cores de Unicaja (Foto: ACB).

Na noite de onte Monbus Obradoiro tratou de conseguir a permanencia na Liga ACB no pavillón de Cazoo Baskonia, mais non podemos ofrecer a crónica nestas liñas por finalizar fóra do horario de fechamento desta edición.

O outro representante da Galiza na elite do baloncesto estatal, Leite Río Breogán, xa salvado matematicamente, tratará de achegarse ao seu próximo obxectivo, clasificarse para os play-off polo título ligueiro, a costa de Unicaja de Málaga.

A escuadra andaluza chega a un choque que terá lugar no Pazo Provincial de Lugo ás 20.30 horas da tarde de hoxe en quinto lugar na táboa clasificatoria con 18 triunfos, cinco máis que un Breogán que actualmente aspira a asaltar a oitava posición, a última que dá acceso aos play-off, e que actualmente ocupa Valencia Basket con 14 vitorias, unha por enriba do que indica o contador do Breo. 

Será un partido, a maiores, moi especial para o técnico do equipo da cidade da Muralla, pois Veljko Mršić foi xogador de Unicaja entre os anos 1999 e 2002, co que logrou proclamarse campión da Copa Korac.

Para pasar por enriba do vixente campión da Copa do Rei, a quen Mršić considera "un equipo moi duro", os seus homes terán "que dalo todo". "Unicaja ten 12 xogadores de gran nivel, estatisticamente moi importantes, pero que tamén xogan ben en equipo", engadiu o adestrador croata.

Un dos nomes destacados dos malagueños é un vello coñecido da afección do Pazo, o estadounidense Tyler Kalinoski, quen o ano pasado brillou coa camiseta do Leite Río Breogán.

Afortunadamente, para tratar de frealo o Breo terá á súa disposición todo o seu cadro de xogadores coa única excepción de Marko Lukovic, ala-pivote serbio que continúa convalecente logo de sufrir unha lesión no xeonllo.

Comentarios