O Bádminton Ravachol Pontevedra afianza a cuarta tempada na División de Honra

Unha última xornada "épica" para o báminton de Pontevedra fai que o Ravachol sexa primeiro club en estar catro tempadas na División de Honra.  
De esquerda a dereita; Jesús Pereiro, Manuel Brea, Elena Fernández, Gabriel Fernández, Jacobo Fernández e Javier Sánchez (Foto: CRB).
photo_camera De esquerda a dereita; Jesús Pereiro, Manuel Brea, Elena Fernández, Gabriel Fernández, Jacobo Fernández e Javier Sánchez. (Foto: CRB)

O primeiro equipo do Club Bádminton Ravachol Pontevedra conseguiu, na última xornada da liga, continuar na División de Honra. Foi unha final “épica”, como valoran desde a propia entidade, polos condicionantes que tivo a propia clasificación.

O equipo pontevedrés chegou necesitando vencer o San Fernando Valencia por un resultado de 5-2, e o CB Benalmádena tiña que perder fronte o CB IES A Orde de Huelva, ambos os dous de Andalucía.

O director deportivo do equipo do Lérez, Jesús Pereiro, recoñece a Nós Diario que non tiveron “unha tempada tranquila” e como consecuencia xogáronse todo en Valencia “con poucas opcións de conseguir a permanencia de maneira directa”, unha situación que xa viviron o ano pasado.

Durante os partidos souberon da derrota do CB Benalmádena e a presión mantívose até o último punto que xogaba, por parte galega, Manuel Brea. O estradense relata a Nós Diario que a clasificación foi sempre “moi igualada, con moitas emocións e con encontros moi disputados”. Ao final, o galego resolveu “asegurando a pluma e tentando non mirar nin o equipo nin a bancada”.

O Ravachol Pontevedra conseguía manterse na máxima categoría un ano máis, serán catro, algo que non fixera até agora ningún equipo galego deste deporte. 

A xestación dun equipo

O Ravachol Pontevedra creouse en 2016 a partir da experiencia de Jesús Pereiro e outros deportistas no club da Estrada. “Quixemos apostar por un proxecto sólido de permanencia na División de Honra e tentar ser o equipo elite de referencia na Galiza”, explica Pereiro.

A proposta dunha entidade de bádminton acabou en Pontevedra, unha cidade que non contaba con experiencias deste tipo, con moi boa acollida. “Unha cidade sempre che dá máis facilidades para atopar recursos e comezamos por crear escolas deportivas”, indica o estradense. 

Nun deporte minoritario como o bádminton os apoios son importantes. Pereiro lembra que cando naceu o Ravachol “eu estaba como responsábel do bádminton da Estrada e gañamos a liga de Primeira estatal mais por motivos económicos tivo que desfacerse”. 

Comezaron na segunda territorial estatal con deportistas habituais nos medalleiros dos campionatos de España, como o propio Jesús Pereiro, Ana Carbón, Miguel Sanluis, Elena Andreu e Noelia Gestoso. Co ascenso a Primeira recuperaron Manuel Brea e Álex Nogueira, cedidos no club andaluz Rinconada co que quedaron subcampións na División de Honra.

Despois de dous anos en Primeira conseguiron o ascenso á División de Honra onde comezaron xogando na tempada 2020-2021 e, despois de conseguilo, continuarán nela na 2023-2024. A entidade pontevedresa coida a canteira e continúa formando novas promesas nas súas escolas deportivas.

“O único problema que temos é non contar con dispoñibilidade de instalacións onde poder practicar bádminton, polo que temos uns horarios moi limitados”, asegura Pereiro, “como consecuencia, malia ter persoal técnico moi capacitado, non acabamos de despegar en calidade aínda que si en cantidade”, conclúe.

Comentarios