O air bádminton medra en Ourense

O Club Athlos de bádminton achega tres deportistas á selección estatal, a metade da mesma, que conseguiu o bronce no recente campionato de Utrecht (Países Baixos). 
Un momento da recente participación en Utrech (Países Baixos) de membros do Athlos de Ourense (Foto: Federación Española de Bádminton).
photo_camera Un momento da recente participación en Utrech (Países Baixos) de membros do Athlos de Ourense (Foto: Federación Española de Bádminton).

Ourense converteuse estes días en todo un referente galego e estatal do air bádminton. A nova variedade do bádminton que naceu a nivel mundial en 2013 está a ser promovida polos organismos deportivos internacionais e no Club Athlos de bádminton atopou os elementos necesarios para agromar.

Unha proba disto foi a recente participación nas series internacionais de Utrecht (Países Baixos) dunha representación de seis deportistas de todo o Estado español, a metade procedentes do club ourensán: Sara Ezquerro, Laura Valverde e Antonio Iglesias. O resultado desta competición foi voltar coa medalla de bronce por equipos, mentres que Antonio Iglesias, en conxunto con Pelayo Lucas Pinto e Adrián Álvarez, subiron ao podio traendo para casa a medalla de bronce. 

Primeira competición de air bádminton do Athlos

A introdución de xogadoras e xogadores do Athlos no air bádminton ten moito de casual. Laura Valverde, unha das seleccionadas para viaxar a Utrech, explica a Nós Diario que accederon a esta variante do bádminton “a través dunha solicitude federativa” e tendo en conta as condicións que se demandaban. Era a primeira vez que accedían de maneira seria ao air bádminton aínda que tiñan nocións e  xogaran nalgunha ocasión. 

Entre os requisitos para acceder a este campionato figuraba estar entre os 30 mellores do ranking e entre os 10 mellores como parella de dobres. Antonio Iglesias entrou con eses datos. “Foi a nosa primeira experiencia, só probaramos algunha vez”, admite este xogador en declaracións a Nós Diario

Desta primeira participación nunha competición internacional recoñece que quedou “impresionado polo tamaño do estadio e do ambiente”. Facilitáronlles en todo momento adestrar nas propias instalacións e sentíronse “cómodos”, unha das razóns que indica como determinante para conseguir uns resultados tan positivos. 

Do propio evento lembra que para chegar ás semifinais tiveron que derrotar a Alemaña, e asegura que de saída “íamos cun pouco de medo polo seu nivel". Coa vitoria e a tranquilidade de estar na semifinal todo mudou. 

Malia que o bádminton é a base da súa práctica deportiva, unha vez probada a capacidade e rendemento no air bádminton a idea é continuar. “Agora que se competirá cada vez máis con novos torneos e competicións, seguiremos”, apunta Iglesias, “temos como obxectivo estar presentes no torneo mundial de Indonesia polo que procuraremos asistir a algunha proba clasificatoria máis”, engade. 

Diferenzas entre bádminton e air bádminton

A principal diferenza entre o bádminton e o air bádminton é o volante e o deseño e dimensións da pista. As traxectorias son semellantes mais o deseño do primeiro  permite un mínimo impacto lateral e axial do vento, principal hándicap até a data para xogar ao aire libre. En relación á cancha, existe unha zona de 'xogo morto' a ambos os dous lados da rede para favorecer golpes lonxe da rede e facilitar un intercambio máis continuo. 

Outra novidade é o formato de ‘triplos’ con equipos de tres deportistas onde os membros de cada equipo non teñen permitido golpear o volante dúas veces de maneira consecutiva tras a devolución do rival, polo que outro membro do equipo debe ser o encargado de continuar o xogo. O obxectivo é fomentar a mobilidade e a interacción entre os membros de cada equipo.

Comentarios