O Atlético Guardés prescinde de Abel González tras a derrota contra o Elxe

Xornada negativa para o balonmán feminino. O Atlético Guardés perde na casa e destitúe ao seu adestrador mentres que o Balonmán Porriño non pasa do empate.
Abel González deixa de ser adestrador do Atlético Guardés (Foto: Sportcoeco).
photo_camera Abel González deixa de ser adestrador do Atlético Guardés (Foto: Sportcoeco).

Esta última xornada non podía ser máis negativa para o balonmán feminino galego. O Atlético Guardés caía pola mínima diante o Elxe na casa e propiciaba o anuncio, onte mesmo, da destitución do seu adestrador Abel González. O Balonmán Porriño, pola súa parte, non conseguía pasar do empate, tamén na súa cancha, diante das vascas do Zubileta Evolution de Barakaldo (Biscaia). 

Para as xogadoras do Guardés a estrea na Sangriña foi amarga. O marcador final (23-24) amosa unha igualdade que por momentos tivo cor galega mais que as alacantinas souberon controlar. Porén, un erro no último lanzamento de Giselle Menéndez privou ao club do Baixo Miño dun empate que podía salvar, en parte, os papeis.

A directiva do Mecalia Atlético Guardés decidiu esta mesma segunda feira a despedimento de Abel González como adestrador. Ocupará o seu lugar cargo que ocupará agora a adestradora portuguesa Ana Seabra, até o momento segunda de Abel, que estará apoiada por João Mesquita, preparador físico do equipo. 

A entidade agradecía nun comunicado ao técnico asturiano a súa “profesionalidade, a súa bonhomía e amabilidade, así como a súa intensa dedicación e as toneladas de esforzo que lle meteu ao seu labor nestes meses á fronte do grupo”. 

Desta forma, Abel conclúe así unha segunda etapa nun club do que foi partícipe directo dos éxitos.

Como segundo adestrador de José Ignacio Prades foi campión de Liga en 2017 e subcampión de Copa o ano pasado. Tras asumir o cargo de primeiro, tivo que lidar coa enorme dificultade de non contar coa Sangriña como cancha  até decembro e ter que xogar oito dos once partidos da primeira volta a domicilio. 

Empate no Porriño

Tampouco estivo acertado o Balonmán Porriño diante das Zubileta Evolution Zuazo Barakaldo. Cunha forte defensa e boas ocasións en ataque, as intervencións da porteira vasca impediron que as pupilas de Isma Martínez se marcharan no marcador cunha vantaxe gañadora.

Os minutos finais foron de estratexia con sendos tempos mortos por parte do adestrador vasco, Joseba Rodríguez, máis do galego. Con ocasións para ambos os dous equipo o resultado final quedaría en 23-23 

Comentarios