Balonmán

O Atlético Guardés volverá ao renovado Pavillón da Sangriña despois de tres meses

O Juro Unirek VZZ, no marco da Copa Europea, primeiro rival da escuadra miñota.
A Sangriña aínda está en obras, pero estará lista para o regreso do Guardés o sábado 10 de decembro. (Foto: Atlético Guardés)
photo_camera A Sangriña aínda está en obras, pero estará lista para o regreso do Guardés o sábado 10 de decembro. (Foto: Atlético Guardés)

Foi unha singradura longa, de máis de tres meses fóra de casa, pero, por fin, o Mecalia Atlético Guardés -quinto clasificado da máxima categoría do balonmán feminino estatal, a un só punto do outro representante da Galiza, O Porriño- regresa ao seu fogar.

A reforma do Pavillón da Sangriña está a piques de finalizar, e o templo do equipo miñoto albergará unha cita moi especial no seu primeiro compromiso como local: un choque de competición continental, e por partida dobre, pois o Guardés alcanzou un acordo co Juro Unirek VZV dos Países Baixos, o seu rival na R-3 da Copa Europea, para disputar a eliminatoria de forma íntegra na Guarda.

As datas xa están fixadas. O sábado 10 e o domingo 11 de decembro decidirán a continuidade do conxunto que dirixe Abel González en Europa, nunha intensa fin de semana na que orixinariamente estaba prevista que se disputase só o partido de volta, pero o pacto entre ambas as entidades fai que a rolda se vaia decidir neses dous días. Iso supón que o encontro de ida, programado inicialmente para o día 3 dese mesmo mes, se adíe unha semana, tempo que se gaña para a conclusión da reforma da Sangriña.

Segundo confirmou o club, "a obra avanza a un bo ritmo", e nas últimas semanas perfilaron  aspectos como "as idóneas condicións para albergar retransmisións televisivas e que os profesionais dos medios de comunicación dispoñan dun espazo confortábel para desempeñar o seu traballo".

Memorias do pasado

Esta non será a primeira vez que o recinto do sur da Galiza albergue un dobre duelo continental, pois xa aconteceu en varias ocasións durante os 10 anos consecutivos que o Mecalia Atlético Guardés leva competindo en Europa.

A última foi no mesmo torneo, e contra o Zalgiris Kaunas lituano nos oitavos de final. O conxunto miñoto superou unha eliminatoria que se desenvolveu pouco antes de comezar a pandemia da Covid, en febreiro de 2020, para avanzar até os cuartos de final.

Desta forma o Atlético Guardés volve a casa tras un lapso de tres meses nos que xogou tres encontros como local en Tui —contra Granollers, A Rioxa e Beti Onak— con pleno de triunfos con selo galego. 

Comentarios