O Porriño quere avanzar na Copa da Raíña a costa do Elxe

Recibe as ilicitanas mañá a partir das 17.45 horas
Na Liga o conxunto galego suma dous puntos máis que o Elxe. (Foto: BM Porriño).
photo_camera Na Liga o conxunto galego suma dous puntos máis que o Elxe. (Foto: BM Porriño).

O Conservas Orbe Rubensa Balonmán O Porriño enfróntase mañá, 28 de xaneiro, a un rival moi difícil e que se atopa nun bo momento, o Atticgo Balonmán Elxe. Ambos medirán forzas no Pavillón Municipal do Porriño a partir das 17.45 horas cun obxectivo común: clasificarse para a fase final da XLIV Copa da Raíña, que terá lugar entre o 21 e o 23 de abril no Polideportivo Martín Carpena de Málaga.

Na pasada edición do torneo do KO o rival do conxunto do sur da Galiza alcanzou as semifinais, sendo derrotado polo vixente campión, Costa do Sol Málaga. Porén, para tratar de reverdecer vellos loureiros neste 2023 terán que pasar antes por enriba do Porriño. 

Pola súa parte, a escuadra dirixido por Ismael Martínez leva catro tempadas quedándose na segunda fase da rolda clasificatoria. Esta campaña tiveron que superar con contundencia e a domicilio (15-30) o equipo canario do Balonmán Zonzamas Lanzarote para alcanzar a súa tradicional barreira psicolóxica que, agora si, agardan superar a costa do Elxe.

O partido, ademais, ten especial importancia para recuperar sensacións logo da derrota do pasado sábado ante o Motive.Co Xixón na Liga Guerreiras, tal e como salientou en rolda de prensa o preparador do equipo galego, Ismael Martínez: "Chegamos doídos despois de perder en Xixón, pero entendemos que non estivemos ben e que hai factores que non dependen de nós". 

Con respecto á formación ilicitana, Martínez destacou que a "constancia" será "fundamental" para poder conseguir unha vitoria. "Esta semana traballamos moito. Agora mesmo, necesitamos a todo o mundo, porque temos que estar máis xuntas que nunca logo dunha derrota tan dura", afirmou o porriñés, expresando a súa ilusión por encarar "un partido chave e moi ilusionante".

En relación aos aspectos máis técnicos, declarou que as súas adversarias "están a xogar moi ben", no que inflúe especialmente "o seu excepcional estado de forma". "As holandesas, tanto Tessa como Wolfs, xa pasaron o período de adaptación e están a render a bo nivel, ademais de que incorporaron Do Nascimento", valorou Ismael Martínez, que concluíu gabando a "variabilidade" quen outorga ao Elxe Rocamora", que inflúe na creación dunha proposta "diferente á do resto, que obriga a unha toma de decisións continua".

Comentarios