O Atlético Guardés reedita hoxe en Málaga a última final copeira

A escuadra do sur da Galiza necesita puntuar para fuxir dunha zona baixa da clasificación que lle é impropia.
As galegas son favoritas (Foto: Atlético Guardés).
photo_camera O Mecalia Atlético Guardés no seu partido co Granollers (Foto: Atlético Guardés).

Pasaron o Nadal, a Noitevella, os Reis... e con eles o descanso no balonmán de elite, o que significa que o Mecalia Atlético Guardés volve á acción tan cedo como hoxe (20 horas).

A escuadra do sur da Galiza visita o Costa do Sol Málaga nun partido adiantado da undécima xornada, a última da primeira volta. O motivo non é outro que a disputa dos oitavos de final da Copa Europea ante o H71 das Illas Feroe, encontro programado a próxima fin de semana no Pavillón da Sangriña.

Non obstante, o choque ligueiro é o que ocupa toda a atención do conxunto do Baixo Miño, que necesita sumar independentemente da pista ou o rival que lle toque en sorte para afastarse dunha zona baixa que non lle é propia, pois figura n o noveno posto -sobre 12- da clasificación xeral con só sete puntos en 10 partidos.

O seu contrincante non llo porá nada fácil, pois o Costa do Sol Málaga está confeccionado para pelexar por gañar todos os títulos, como xa aconteceu o ano pasado na Copa da Raíña, impoñéndose na gran final ao propio Atlético Guardés, que está pagando o condicionante que supuxo levar -até o de agora- oito partidos disputados como visitante a causa das obras de reforma que tiveron lugar os últimos meses na Sangriña. 

O resultado, dramático, foi unha primeira volta na que o Guardés sumou un punto de 14 posíbeis, unha traxectoria que agarda corrixir nunha segunda tirada na que ten por diante oito partidos no seu domicilio.

Abel González, "optimista"

O técnico do conxunto galego, Abel González, destacou na rolda de prensa previa ao xogo que a clasificación "é mellor non mirala". "Temos que pensar no que nos queda por diante, e en que si tivesemos un calendario normal, con partidos na casa e fóra, seguramente non estaríamos así. Non é unha desculpa, pero creo que o importante é mirar cada adiante e sumar todo o posíbel nuns choques na casa que serán determinantes", explicou o asturiano.

 Con respecto ao Málaga, González manifestou o seu "optimismo" sobre a posibilidade de gañar neste reinicio ligueiro, o que non foi óbice para que recoñecera que será "un compromiso complicado". "O Málaga ten un gran equipo, con xogadoras de moita experiencia e calidade. Será difícil superalas na súa pista, pero iso é o que queremos", concluíu.

Comentarios