O Atlético Guardés inaugura a 'nova' Sangriña cun duelo europeo

Recibe o JuRo Unirek no marco da European Cup 
O combinado 'neerlandés' é moi competitivo (Foto: JuRo Unirek).
photo_camera O combinado 'neerlandés' é moi competitivo (Foto: JuRo Unirek).

O mellor balonmán do continente volve á Galiza da man do Atlético Guardés nun compromiso moi especial, pois será o primeiro que se dispute no recentemente reformado Pavillón da Sangriña.

A escuadra arraina recibe o JuRo Unirek holandés para determinar quen será o conxunto que avance até a cuarta rolda da EHF European Cup, nunha eliminatoria que se concentrará neste fin de semana, pois mañá sábado terá lugar a ida (19 horas) mentres que a volta tamén será na Sangriña, o domingo 11 de novembro á mesma hora. 

Como cabeza de serie e equipo con mellor coeficiente EHF da competición o equipo galego librouse de disputar a rolda 2, na que si estivo un Unirek que superou con solvencia o Dicken de Finlandia nun encontro de ida no que a eliminatoria quedou practicamente resolta tras gañar 22-13.

O Porriño adianta o seu encontro ligueiro

Non lle correspondía facelo, segundo o ditaminado polo calendario da Liga Guerreiras, pero o Conservas Orbe Rubensa Balonmán Porriño chegou a un acordo co seu rival da xornada 10 -que estaba programada para a última fin de semana do ano 2022- para adiantar o partido e volverá entrar en acción tan cedo como mañá sábado.

Deste modo, ás 17.45 horas o Pavillón Municipal acollerá un duelo entre Porriño e Grafometal A Rioxa, un conxunto que ascendeu esta mesma tempada á máxima categoría e que aínda non foi quen de coñecer a vitoria.

No estremo contrario, a escuadra do sur da Galiza está de doce, pois acumula catro triunfos consecutivos e incluso pensa no liderado, pois actualmente ocupa a terceira posición a só dous puntos dunha cabeza que comparten, con 14, Super Amara Bera Bera e Rocasa Gran Canaria. 

Comentarios