Aspas despídese do Celta, non do celtismo: "O que son como futbolista débollo a esta afección"

Iago Aspas despediuse emocionado do club no que xogou 141 partidos e meteu 43 goles. “O que son como futbolista débollo a esta afección”

Iago Aspas

Iago Aspas deixa o Celta para iniciar unha nova travesía futbolística no Liverpool. Un salto profesional innegábel. Deixa o Celta mais non o celtismo. Emocionado, o de Moaña despediuse da afección celeste nun pequeno acto en Balaídos. A vindeira semana viaxará a outra cidade obreira e portuaria, Liverpool, para comezar a preparación física no club que leva o nome da cidade.

Aspas manifestou na súa despedida que “o que son como futbolista débollo a esta afección”. Non quixo entrar a falar sobre o sarillo de axentes e representantes (“non quero darlles de comer”). O de Moaña recoñece que “o meu soño é ser internacional” e non considera que o non saber inglés supoña un problema no inicio da andaina no Liverpool: “A linguaxe do fútbol non ten fronteiras”.

Comentarios