Iago Aspas xa é do Liverpool e Charles está perto de converterse no seu substituto

O dianteiro vigués foi presentado polos 'reds' mentres que o máximo goleador de Segunda e ex xogador do Pontevedra ten un principio de acordo co Celta

 

Iago Aspas
photo_camera Iago Aspas

O principal referente do Celta nas últimas tempadas, o dianteiro Iago Aspas, foi presentado polo Liverpool e posou por vez primeira coa camiseta do histórico club inglés, co que asinou un contrato polas próximos catro anos. A fichaxe foi confirmada após os problemas creados pola duplicidade de axentes do goleador vigués.

Aspas dá así un salto na súa traxectoria cara un dos principais equipos da Premier, onde é previsíbel que substitúa ao uruguaio Luis Suárez, que deixará a entidade, polo que o xa ex céltico asumirá unha enorme responsabilidade na punta de ataque do Liverpool.

Mais o Celta, que será a próxima tempada o único conxunto galego na máxima división do fútbol estatal, non fica inactivo e xa ten moi avanzadas as negociacións co que pode ser o reemplazo de Aspas na dianteira celeste e que, após alcanzar un principio de acordo, seguramente será un vello coñecido do fútbol galego, posto que o máximo goleador -con 32 tantos- da Segunda división co Almería -o brasileiro Charles- está a piques de asinar o seu contrato cos celestes. Charles, de 29 anos militou durante seis tempadas no Pontevedra. O atacante foi a gran figura do equipo andaluz na última campaña, resultando chave no seu ascenso. A contratación pode supoñer un gasto dun millón de euros para o club vigués, que xa presentou a súa primeira incorporación para o vindeiro curso, Fontás, central ex do Barça.

Comentarios