O Lugo entra en postos de descenso e visitará Málaga

O adestrador do CD Lugo, Hernán Pérez, asegurou en rolda de prensa estar disposto a "corrixir erros" dos últimos partidos.
Os xogadores do Lugo adestrando onte (Foto: CD Lugo).
photo_camera Os xogadores do Lugo adestrando onte (Foto: CD Lugo).

A vitoria esta cuarta feira das Palmas diante do Lugo por 0-1  coloca aos homes de Hernán Pérez na peor situación que podían agardar: en postos de descenso e terceiros polo final da clasificación. Certo é que o rival que visitaba o Ángel Carro é un claro candidato ao ascenso, proba diso é que cos tres puntos que sacou na Galiza conseguiu estar agora como líder após o empate do Alavés na casa diante do Albacete.

Onte, un día despois da derrota, o adestrador do Lugo compareceu en rolda de prensa para analizar o partido coas Palmas e unha situación que xa comeza a preocupar á afección branquivermella.

O técnico asturiano recoñeceu que algúns xogadores non acertaron á hora de lanzar o xogo en transición por facelo con "conducións" en lugar de pases. "Ás veces o xogador vese con campo aberto e metros por diante, pero iso favorece o repregamento do rival e as axudas. Temos que corrixir iso porque fallamos neste sentido", dixo. 

Sobre a falta de puntería nos metros finais, o técnico preferiu destacar o traballo defensivo do seu equipo. "Temos que acertar, pero debemos que seguir así porque fomos solventes, fomos fiábeis en defensa aínda que encaixásemos porque non son as situacións que nos creaban nas primeiras xornadas".

A este respecto, engadiu que se "melloramos a efectividade en casa, porque fóra si a temos, esa vitoria que cambie a dinámica estou seguro de que chegará moi pronto". 

Visita ao Málaga en postos de descenso

Preguntado polos postos de descenso nos que está o Lugo agora mesmo de maneira temporal, Hernán Pérez matizou a resposta afirmando que  "temos nove puntos mais o que nos dá forza é ver o traballo do equipo e sábeme mal porque o están facendo ben pero non chega a vitoria que reforce nosa moral". 

Con esta mensaxe positiva, o Lugo terá esta fin de semana que viaxar até Málaga, último na clasificación. O equipo andaluz ten seis puntos, tres menos que o galego, e tamén está necesitado de conseguir sumar canto antes para deixar os postos de descenso directo.

Os de Pepe Mel saben que outro dos seus rivais directos, o Mirandés, ten unha difícil xornada diante do Burgos no estadio do Plantío, equipo que se atopa nos primeiros postos.

Comentarios