O CD Lugo recupera a súa pegada

Xornada de alegría para o CD Lugo que se reencontra co gol diante da súa afección. Na Primeira RFEF, o Racing suma e segue de líder mentres que o Dépor cae derrotado, esvaendo o efecto Óscar Cano. O Pontevedra non sae dos postos de descenso ao tempo que o Celta B bate ao Linares, terceiro na clasificación.  
Os xogadores do CD Lugo celebran un gol no Ángel Carro (Foto: CD Lugo).
photo_camera Os xogadores do CD Lugo celebran un gol no Ángel Carro (Foto: CD Lugo).

A xornada de fútbol remata esta segunda feira co entrontro entre o Celta e o Xetafe (Balaídos, 21 horas). Na Segunda División, o CD Lugo non podía escoller mellor momento para recuperar a súa pegada de gol. Diante do Burgos, até agora invicto, no seu propio campo e sumando puntos para pór distancia da zona de descenso. A vitoria dos de Hernán Pérez por 2-0 non só certificou que hai equipo para manterse senón que pode tratar sen complexos equipos que están nos primeiros postos.

O conxunto branquivermello, de rosa en lembranza da loita contra o cancro, marcaba na primeira parte a través de Alberto. Na segunda aumentaba a diferenza cun tanto de Ramos. Inxección de boas vibracións antes do partido diante do fechacancelas, o Mirandés (domingo, 14 horas). 

Racing e Dépor, a cara e a cruz da categoría

O Racing suma e segue líder. O empate diante do Córdoba (1-1) soubolle a vitoria a Parralo ao coincidir coas derrotas do Linares e do Deportivo, xunto co empate do Sanse. Ademais, os verdes son o único equipo invicto da categoría após oito xornadas disputadas. O proxecto deportivo do Racing semella consolidarse en cada xornada e demostra que é un serio aspirante para volver ao fútbol profesional. 

Pola contra, no Deportivo volven as dúbidas. A esperanzadora vitoria diante do Linares da semana pasada quedou esquecida coa derrota diante do Real Madrid Castela, por 1-0. O cambio de adestrador non eliminou as eivas dun equipo que se afasta do ascenso directo. Óscar Cano tivo o partido de costas co gol en contra, obra de Tobías, ao inicio do encontro. Ese tanto marcou o xogo dos herculinos até o final, cun home menos por expulsión de Lapeña.

Máis presión para un equipo que ten un crucial choque co Sanse (sábado, 19 horas), desta vez en Riazor. 

O Pontevedra CF, pola súa parte, segue sen atopar a saída dos postos de descenso. Desta vez o verdugo foi a Cultural Leonesa cun 2-0 que deixou aínda máis afundido o equipo de Fernández, agora con sete puntos.  

A cara máis positiva da xornada en Primeira RFEF foi a vitoria a domicilio do Celta B co Linares (1-2), terceiro na clasificación. O filial demostra que non lle ten medo a ningún equipo.

Comentarios